A Deputación de Pontevedra vén de presentar esta mañá as contías do Plan Concellos do 2023, que será aprobado o próximo venres. Tal e como informou a presidenta provincial, Carmela Silva, Bueu recibirá 855.398,76 euros. Esta cifra supón un incremento de case 22.000 euros con respecto ao plan do 2022, no que a Deputación destinou a Bueu 833.760’42 euros.
Este aumento vén dado pola decisión da Deputación de reforzar o Plan Concellos cun millón de euros adicional especificamente destinado aos concellos de menos de 20.000 euros, como é o caso de Bueu. Así, o apoio económico provincial medra para facer fronte aos efectos da crise global da inflación.
Outra das novidades de cara ao vindeiro ano é a flexibilización do emprego dos fondos co obxectivo de mellorar a liquidez no caso de municipios que precisen facer fronte a pagos ou débeda. Poderán trasladar un 30% dos fondos da liña 1 de investimentos á liña 2, que ten que ver co gasto corrente, o pago a provedores, amortización e actividades.
O Plan Concellos érguese como un instrumento de financiamento obxectivo da Deputación a 59 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes. No caso de Bueu, os fondos do Plan Concellos 2022 están destinados para diversas actuacións como á adquisición dunha parcela para a área de autocaravanas na Achadiza, a reforma da biblioteca Torrente Ballester ou a futura transformación do Parque Urbano Lugrís.
O Concello recibe os remanentes do Plan Concellos 2021
Neste ámbito, a Deputación aprobou tamén os remanentes do Plan Concellos 2021, polo que se autoriza ao Concello a dispoñer desas axudas para acometer diversas actuacións.
Segundo avanza o rexedor e edil de Obras e Servizos, Félix Juncal, unha das accións será a pavimentación de dous tramos de camiño no lugar de A Torre, en Cela, cun importe de 26.763,32 euros. “Continuamos a avanzar nos servizos básicos para toda a vila, cunha especial atención ao rural”, destaca Juncal.
Tamén se autoriza o investimento de 50.477,49 euros para a achega municipal ao proxecto da Sala de Interpretación do Bueu Romano, que será financiado a través dun convenio entre o propio Concello e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Tres millóns para a comarca do Morrazo
O Plan Concellos 2023 destinará 3.020.828,36 euros á comarca do Morrazo, supoñendo un incremento do 1,6% con respecto ao 2022. Por municipios, Cangas recibirá 1.126.397,71 euros, Moaña 1.039.031,89 euros e Bueu 855.398,76.
Desde a Deputación indican que cada concello recibe a súa achega en base a unha fórmula que ten conta a súa superficie, poboación, número de núcleos e densidade demográfica. “A Deputación respecta a autonomía local e permite aos concellos planificar con tempo a súa actividade”, resumiu a presidenta provincial.