A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar a coñecida tradicionalmente como Festa dos Mozos da parroquia bueuesa, que leva máis dunha década sen celebrarse. Agora, un grupo de case trinta mozos e mozas organizarán este 26 de agosto a Festa da Xuventude no adro de Cela.
A programación inclúe a actuación da Orquesta Platinum e do grupo La Quinkillada, así como dun DJ para o remate da festa. Ademais, xa pola tarde haberá diversas actividades e, tal e como marca a tradición, volverán as “Vivas” e a repartición de lazos e de viño en baldes. O obxectivo é ofrecer un formato interxeracional que tamén sexa atractivo para a xente máis moza.
A coñecida como Festa dos Mozos tivo a súa orixe a finais de 1880 cunha serie de peculiaridades que a diferenciaban das demais e que mantiveron a súa celebración durante moitos anos. Unha delas é o ritual das “Vivas” na que mozos de Cela e das zonas limítrofes se xuntaban no eirado. “Alí os presidentes soben ao palco e lanzan unha serie de vítores ou “vivas” que son repetidas polo público”, explican. A esta práctica súmase a repartición de viño gratuíto entre as persoas asistentes.
Agora, a Festa da Xuventude volverá a un primeiro plano nunha cita na que convidan á asistencia da mocidade. Antes da cita, a asociación tamén considera celebrar actividades para recadar fondos, que se suman a outras propostas como a venda de rifas.