InicioPOLÍTICAO pleno aproba inicialmente a nova ordenanza de terrazas

O pleno aproba inicialmente a nova ordenanza de terrazas

Publicado o

Na sesión tamén se aprobou o V Plan de Igualdade do Concello e unha moción sobre a sanidade pública | A proposta do PP para a mellora da antiga Escola Unitaria do Cabalo non saíu adiante

Bueu celebrou este luns a sesión plenaria de decembro, na que se aprobou de xeito inicial a nova ordenanza de terrazas presentado pola Concellaría de Urbanismo e que contou cos votos a favor dos grupos do goberno local, BNG e ACB, e coa abstención de PP e PSOE. Agora, o texto inicial será publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e abrirase un prazo de alegacións previo á aprobación definitiva.

O edil de Urbanismo, Martín Villanueva, foi o encargado de presentar a ordenanza de terrazas, que substitúe á normativa aprobada no 2012 e que quedou “obsoleta”, apuntou Villanueva facendo referencia a unha realidade urbanística diferente e con protagonismo das rúas peonís. “É unha ordenanza garantista para o espazo público e os usos que se dan nel”, afirmou, á vez que narrou os diversos trámites previos como o de consultas públicas.

Un instante da sesión plenaria celebrada o luns.

Nesta liña, a voceira do PP, Elena Estévez, explicou que o seu partido ía absterse “á agarda do período de alegacións e da posible incorporación de suxestións”. Desde o PSOE, José Manuel Vilas, preguntou ao goberno local polas suxestións feitas nas consultas previas. O voceiro de ACB, Julio Villanueva, manifestou o voto a favor ao “adaptarse ao que a xente pedía”.

Votación da ordenanza de terrazas, co apoio de BNG e ACB e as abstencións de PP e PSOE.

O pleno aprobou tamén de xeito unánime o V Plan de Igualdade do Concello de Bueu para os próximos seis anos. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, explicou que “é unha continuidade dos anteriores pero con apuntamentos novos” e puxo en valor o labor das traballadoras do Centro de Información ás Mulleres (CIM). O plan articúlase en base á diagnose de xénero da situación actual da vila, así como ás necesidades e demandas da cidadanía, con oito áreas estratéxicas e 62 medidas de actuación.

Mocións sobre a sanidade e a mellora da escola unitaria do Cabalo

O pleno aprobou co apoio de todos os grupos a moción presentada polo PSOE sobre a “situación de colapso” da Atención Primaria. O texto insta á Consellería de Sanidade a cubrir as baixas e vacacións do persoal médico do PAC da vila, a mellorar o servizo de fisioterapia e a ampliar a Bueu a liña directa de autobús con Montecelo. A isto sumouse a emenda presentada por BNG e ACB que reclama a cobertura das baixas en pediatría e o establecemento dun protocolo para a atención en Bueu das familias.

Votación de todos os grupos a favor da moción sobre a sanidade.

O último punto tratado na sesión foi a moción presentada polo PP para a mellora da antiga Escola Unitaria do Cabalo coa posibilidade de obter fondos da Deputación de Pontevedra ou da Xunta de Galicia. O voceiro do BNG, Xosé Leal, anunciou o voto en contra do grupo ao “contar con múltiples espazos socioculturais con traballos de mantemento e mellora”. Tamén rexeitou a posibilidade de contar con subvencións da Xunta polo modelo destas, que cualificou como “contrario a unha boa xestión”.

O grupo do PP na sesión plenaria do luns.

Estévez interveu entón para aclarar que a moción contaba con dúas opcións de subvencións, incluíndo tamén as da Deputación. Tras isto, o alcalde, explicou que “o goberno debe ter a liberdade de facer un encaixe dos proxectos e da axenda”. A proposta non logrou ser aprobada ao contar cos votos a favor de PP e PSOE e en contra de BNG e ACB, decidíndose co voto de calidade do alcalde.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...