A Concellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por importe de 327.617 euros as obras de mellora da seguridade viaria na PO-315, ao seu paso por Beluso, e que inclúen a construción dunha beirarrúa entre Achadiza e A Rúa Nova de Abaixo.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 12 de decembro. Os traballos, que teñen un prazo de execución de 6 meses, contemplan a construción dunha beirarrúa de formigón de 600 metros de lonxitude pola marxe esquerda da vía.
Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e serán instaladas paradas de autobús con refuxios en ambos laterais da vía. A actuación tamén prevé a estabilización dun noiro, mellorar a drenaxe e renovar a capa de rodaxe nas zonas da estrada con firme deteriorado.
A Xunta destinará un investimento total de 340.000 euros, que inclúe o pagamento dos oito predios necesarios. A previsión que manexan é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre deste ano, para a súa execución no 2023. As actuacións serán financiadas con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid.