Continúan os anuncios da programación para o Samaín. Desta vez o Concello organiza, coa colaboración das asociacións de nais e pais de A Pedra e Alborada do Virxe Milagrosa, unha xornada “terrorífica” con actividades para todas as idades. Será o 31 de outubro no Parque Ramal dos Galos e haberá desde obradoiros para elaboración de elementos terroríficos ata rutas do medo.
O Samaín, día non lectivo nos centros de primaria, comezará pola mañá con obradoiros de temática terrorífica de 10.30 a 13.30 horas. Neles, os nenos e nenas aprenderán a elaborar elementos relacionados con esta festividade. Ademais, como vén sendo habitual, contarase con persoal experto en necesidades especiais. “Procúrase tamén favorecer a conciliación para as familias”, apuntou o edil de Cultura e Ensino, Xosé Leal.
Percorridos das rutas do medo
Unha das grandes novidades da xornada chegará pola tarde, coa estrea das denominadas rutas do medo a partir das 18 horas. Tal e como indicou Marián Millán, da ANPA Alborada, haberá dous percorridos en función da idade. Os nenos e nenas menores de 8 anos saíran da zona do skatepark ata o lavadoiro de Pazos Fontenla, cun camiño no que atoparán diferentes xogos inspirados no Samaín, como un labirinto de tea de araña, a elaboración dunha apócema ou unha carreira de sacos. Neste caso, a actividade tamén estará adaptada para a cativada con diversidade funcional.
A segunda ruta do medo está deseñada para rapaces maiores de 8 anos cun percorrido pola contorna do antigo campo de fútbol da Estacada. Alí encontrarán diversas estacións do medo, cuxo contido é sorpresa. Os grupos saíran de cinco en cinco cada tres minutos e recoméndase que os menores de doce anos vaian acompañados dun adulto. Para esta actividade, a organización está buscando persoas voluntarias para participar como actores e actrices na ruta. Poden poñerse en contacto con Marián Millán no teléfono 628649357.
Concursos e xogos no Ramal dos Galos
Paralelamente, o Parque Ramal dos Galos acollerá diversas actividades a partir das 18.00 horas. Entres elas haberá zumba, unha xincana, chocolatada ou xogos. Tamén haberá concursos de doces, cabazas e disfraces e unha alfombra floral “terrorífica” realizada pola Asociación Cunchas e Flores. “O obxectivo é achegar esta festa tradicional e estendela máis alá dos centros educativos”, concluíu Leal.
No caso de mal tempo, as actividades trasladaranse ao interior da Biblioteca Municipal Torrente Ballester.