A fotografía constitúe un dos bens materiais máis destacados para comprender a evolución histórica dunha vila. Indagar o seu pasado é fundamental para coñecer de onde vimos e os cambios que se experimentaron ao longo das décadas. Ademais das fotografías persoais, que crean un gran arquivo para a sociedade, diferentes fotógrafos puxeron o seu obxectivo en Bueu. Ruth Matilda Anderson, José Suarez ou Otto Wunderlich foron algúns dos que fixeron parada no municipio.
Otto Wunderlich
O fotógrafo alemán chegou a España en 1913, pero non foi ata 1917 cando empezou a traballar profesionalmente, creando un gran arquivo documental. Entre 1929 e 1936, Wunderlich percorreu diferentes lugares de Galicia para retratar as súas paisaxes, poñendo o obxectivo moi de preto nas Rías Baixas. Este feito levouno a visitar Bueu, onde as súas fotografías deixaron unha testemuña do protagonismo do mar naquela época. Todas as imaxes foron publicadas e poden consultarse na Fototeca do Instituto del Patrimonio Cultural de España.
Na seguinte imaxe, Wunderlich documentou unha vista xeral da vila, onde se pode observar a praia da Banda do Río e un primeiro fronte marítimo cheo de embarcacións. Na liña do litoral o protagonismo tamén está na construción das vivendas.
Na seguinte galería atópanse as demais fotografías conservadas do alemán ao seu paso por Bueu. Dúas delas obteñen unha vista da zona de Pescadoira, cunha embarcación amarrada con pescadores dentro. Nun primeiro plano obsérvanse as estruturas de madeira que eran empregadas para estender as redes na praia. Ao fondo, construcións de casas e un hórreo.
Por último Wunderlich retratou a vexetación e unha vista máis panorámica de Bueu desde, posiblemente, Beluso.
Ruth Matilda Anderson
Ruth Matilda Anderson foi unha fotógrafa estadounidense que traballou para a Hispanic Society of America. Anderson fixo cinco viaxes a España, pero Galicia marcou profundamente o seu traballo e realizou nada máis e nada menos que 5.200 fotografías en dúas extensas viaxes.
Na segunda destas, de novembro de 1925 a maio de 1926, Anderson percorreu a provincia de Pontevedra e é nesta ocasión cando visita Bueu. Do seu paso pola vila consérvase a seguinte imaxe, que data do 24 de febreiro de 1926. Ruth Matilda captou coa súa cámara unha tarde de febreiro cunha vista ás viñas na zona da praia de Beluso.
José Suárez
Este galego (Allariz, 1902) tivo o seu primeiro contacto coa fotografía cando, despois de acabar o bacharelato, o seu pai decide regalarlle unha cámara. Ese foi o punto que marcou o inicio dunha carreira que o levou tamén ata Bueu, escenario de boa parte das fotografías que compoñen a súa serie Mariñeiros. Estas imaxes, tomadas en 1936, ían servir de precedente a un documental sobre os mariñeiros galegos que non veu a luz.
Nestas imaxes cobra gran relevancia a mirada das persoas, así como os detalles. Nalgunhas delas, aínda que non aparezan mariñeiros, Suárez fotografa elementos relacionados coa cultura marítima cunha gran intensidade. Os fondos tamén deixan entrever lugares bueueses.