InicioCULTURALa Quinkillada | "O grupo está orientado a bailar, recuperar a ilusión...

La Quinkillada | “O grupo está orientado a bailar, recuperar a ilusión e as ganas de festa”

Publicado o

O confinamento tamén tivo repercusións positivas no ámbito creativo, co lanzamento de novos proxectos. Un deles é o grupo La Quinkillada, que xurdiu tralo éxito dun grupo de músicos do Morrazo que comezaron a subir versións de temas de Heredeiros da Crus ou La Raíz. Agora veñen de publicar o seu primeiro disco propio, “Gozar, Sentir, Bailar”. “Entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival”, así se define La Quinkillada, integrada por Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G, Daniel Acuña, Valverde e Rocío. Nesta ocasión falamos co bueués Víctor Gómez, músico e produtor.

Como e cando se creou o grupo?

Comezou na pandemia, durante o encerro. Como tiñamos o resto de grupos parados porque non se podía tocar, decidimos comezar a facer unhas versións de temas que nos gustaban de grupos como La Raíz ou La Pegatina.

En que momento decidistes pasar de versións a temas propios?

Todos nós vimos doutras bandas de moitos anos de duración. Isto foi algo anecdótico dado pola situación, pero ao final todos tiñamos moitas inquedanzas e moitas ganas de sacar material propio. Foi unha sorpresa xa que o grupo foi funcionando sen querer. Ao ver que á xente lle gustaba e pedía ese tipo de música decidimos facer a nosa propia.

Que significa para vós empezar a xira en Bueu, concretamente no Aturuxo?

Era unha idea que tiñamos bastante clara. Queríamos empezar en salas, tanto por revitalizalas pola situación que sufriron como porque para nós é como unha casa. Todos tivemos máis grupos e sempre tocamos aí, cun trato increíble. Cremos que era a mellor idea posible para presentar o novo traballo.

Ademais, esgotastes as entradas anticipadas a tres días do concerto. Esperabades este resultado?

Por unha banda si, esperabamos que funcionase. Había moitos coñecidos con ganas de vernos e xente en xeral con ganas de concerto. Contabamos con que funcionara, pero igual non desta maneira. Reservamos unha quenda de entradas para taquilla e limitamos as anticipadas, pero cando esgotamos as anticipadas tiñamos demasiadas peticións. Decidimos poñer o resto á venda, avisar a xente de que era real e non foi unha estratexia de márketing. Con toda esta situación, aínda que agora mellorou todo, o aforo está bastante reducido e os locais xa non son o que eran. No Aturuxo baixou considerablemente o seu aforo para ter unha experiencia agradable, sen estar agobiado e gozando igual.

Imaxino que ilusionados co resultado.

Estamos bastante ilusionados coa resposta da xente. Dá gusto ver que te apoian desa maneira e de que a xente ten ganas, tanto na venda de entradas como nas nosas redes. Ilusiona velo nun arranque dunha banda que non chegou a tocar, é algo moi bo e ilusionante.

A que se debe o nome, La Quinkillada?

Unha panda de quinquis (risas). Saíu dunha conversa en videochamada de pandemia, dicindo moitas tonterías. Chegamos a un par de conclusións, ao final eramos “unha quinkillada”, como alguén nos miraría desde fóra: a quinkillada esa. Quedou La Quinkillada por un tema anecdótico, gañou esta opción porque a “Q” estaba entre a “R” e a “T”, entre La Raíz e La Pegatina.

“É unha mestura entre as cumbias que lle poden gustar aos nosos avós e temas máis roqueiros da chavalada”

Como definiriades a vosa música e o que facedes? Os ritmos festeiros son os protagonistas.

Este grupo está orientado a bailar e pasalo ben, a recuperar a ilusión e as ganas de festa que botamos en falta todas esas noites de verán. Intentamos agrupar un pouco todo, moitos vimos de ambientes de festivais e outros máis de verbena. É unha mestura entre as cumbias que lle poderían gustar aos nosos avós nas festas, como temas máis saltables e roqueiros que moita chavalada busca nos festivais que temos por aquí.

Como foi o proceso para a creación do disco?

O disco foi unha carreira de fondo. Tardamos bastante porque empezamos a traballar en pandemia por videochamda. Tivemos complicacións polas restricións para poder quedar e gravar, polo que moito traballo se fixo desde a casa. Ademais, sendo de concellos diferentes, as restricións de mobilidade foron o problema máis grande que tiñamos.

Presentades o disco “Gozar, sentir, bailar”. Resume o nome o que buscades provocar no voso público?

É o que buscamos. É parte da letra do primeiro single, “Festival”, que trata de dúas persoas que se atopan de ambientes diferentes, un que lle gusta máis o discotequeo e outro o festivaleo. Acadamos a conclusión de que todos buscan o mesmo, ir a bailar a algún sitio, sentir esas sensacións que nos dá a música, pasalo ben, bailar. É un pouco todo o que aglutina La Quinkillada.

“Quixemos que cadaquén se sentise identificado con algún tema”

Son cancións festeiras, pero en temas como “Mares”, vemos a vosa aposta tamén polas orixes cun tema dedicado aos mariñeiros. Por que decidistes facelo e en que vos inspirastes?

Trátase de abarcar todas as nosas ideas e preocupacións, moitos dos membros teñen familias no mar. Por moito que falemos de festa, hai temas moi serios polo medio, como outro que fala da morte e das ausencias e non deixa de ser o tema reggaeton do disco. Estamos acostumados a facer letras de tipo reivindicativo e social nos grupos que tiñamos, aquí quixemos escapar un pouco diso, plasmar as sensacións e ideas de xente, buscar que cadaquén se sentise identificado con algún tema. Todos os temas son bastantes diferentes en estilo, depende do que busques no momento e do teu estado de ánimo. Ao final, o disco é para poñelo e gozalo enteiro e que cada un reciba o que necesita de cada tema.

Cales son os vosos plans de futuro?

Para a nosa sorpresa, antes de tocar ningún concerto e só cos temas que fomos sacando, tivemos moi boa acollida. Aínda que só anunciamos as salas e un par de concertos que xa estaban anunciados polos organizadores, temos pensado sacar unha xira bastante ampla. Xa se anunciarán pouco a pouco, pero temos concertos pechados por toda Galicia co verán bastante cuberto en concellos e festivais, tamén haberá sorpresas.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...