A mestura dos ritmos do funk e os flows do rap, as melodías do soul e a musicalidade da lingua galega. Así se define Enxeito, un grupo con base en Bueu e que percorre coas súas letras o territorio galego, unindo a cultura popular co estilo funk máis bailable. Esta noite chegan ao Espazo Convida, cun concerto ás 21.30 horas na Praza Massó. Enxeito está composto por Óscar (guitarra e voz), David (voz), Montse (saxofón), Jose (baixo) e Adri (batería), co que falamos en Xornal de Bueu.
Que pegada ten Bueu no grupo?
Dicimos que somos de Bueu porque é a nosa base de operacións, onde temos o local de ensaio. Pero realmente son eu a única persoa do grupo de Bueu. Os demais un é de Compostela, outro de Ourense e vive en Ponteareas, Montse vive en Vigo e Jose de Pontevedra. Como cada un somos dun sitio e sempre hai que elixir un, eliximos Bueu e O Morrazo por ser o noso centro de operacións.
Como xurdiu Enxeito?
Enxeito empezou con David e Óscar, gravaron un disco dixital aínda que con instrumentos gravados. Ese primeiro disco foi a presentación da banda e logo entramos o resto coa idea de ter un grupo en directo, con todos os instrumentos tocados e podendo dar concertos á vella usanza.
Como é a mestura dos diversos estilos? É unha aposta diferente dentro do panorama musical galego.
O funk non é algo sobre o que haxa moitas bandas, é un estilo que lle gusta a case todo o mundo pero non levanta tantas paixóns ou identifica tanto á xente como outros estilos. É certo que hai menos do que debería haber, porque é un estilo que pega en moitos sitios e lle gusta a case todo o mundo. A todos nós gustaba e viu un pouco imposto, eu coñecía a Óscar e pediume gravar un par de temas con batería e de aí xurdiu.
Fostes finalistas en concursos como o EDP Live Band. Que supuxo isto na vosa traxectoria?
Ata fai un par de semanas diciamos que eramos os eternos finalistas, ata que gañamos o Trece Roeis, un festival que se fai en Ferreira de Pantón, en Lugo. Foi un concurso con doce bandas e o xurado deunos por gañadores co premio de tocar o ano que vén no festival, gravar un tema en estudio e un vídeo. Sempre anima. Como grupo que empeza, estes concursos, nos que ten que votar a xente están moi ben, pero se es unha banda con menos seguidores ao final non tes moita posibilidade. Cos concursos con xurado para nós é mellor no sentido de que quizais non contamos con toda esa xente detrás, pero si que é certo que á xente lle soe gustar, co xurado temos moi boa acollida e anima.
O primeiro disco saíu en 2018. Como foi a vosa evolución ata agora?
O primeiro foi algo máis de David e Óscar e foi diferente. Despois xa foi máis grupal, coas ideas e aportacións de cada un. En Superfunk xa había temas que viñan de atrás pero con outros novos como “Volvo de volta” e “Ao revés”, que xa son ao cen por cen de todos. Cambia a dinámica porque cando comezas é diferente a implicación na composición, non hai un método e cada tema é un mundo.
En marzo publicastes “Volvo de volta”, gravado en Bueu. Foi unha declaración de intencións para este verán? Como está indo a nivel de concertos?
É complicado, había moitas cousas apalabradas. Sacamos o disco en plena pandemia e tiñamos varios concertos ese verán que se cancelaron. Ao ano seguinte pasou igual e agora mesmo o sector está un pouco saturado de eventos, pero tamén pagando a débeda dos anos anteriores que se quedaron pendentes. Non está sendo fácil, non temos bastantes concertos, pero os que temos están saíndo bastante ben e ese é o camiño.
Pasastes por festivais, como o Vilariño Folc, tamén por salas. Cal é o formato que máis vos gusta ou as vantaxes de cada un?
Creo que é imposible escoller e cada un terá as súas preferencias. Os festivais danche a posibilidade de estar ao aire libre e os locais depende de cada un a nivel de acústica. Tivemos a sorte de tocar na Sala Rebullón, unha das que mellores soa en toda Galicia, foi un luxo estar aí. Nos festivais igual de felices. Precisamente, nos festivais gratuítos que xuntan moita xente o ambiente é incrible, con moitas persoas gozando da túa música, o que todo músico soña con facer.
Cales son os plans de futuro de Enxeito?
Temos aínda un tema por gravar que aínda non saíu, un tema antigo feito de novo que cambiou de formato. Tamén temos tres novos que están a punto, pero o verán é complicado a nivel de traballo. A idea é ir sacando de aquí a final de ano un par de temas novos e un vídeo e cando teñamos algúns máis aglutinalos nun disco.
Por que animariades ao público a acudir ao concerto, que se van atopar alí?
Primeiro para descubrir algo novo, que se fai aquí, ao lado da casa e que moitas veces non se coñece. Penso que é música de calidade, os resultados están aí e lle poden gustar a calquera tipo de público. Desde o que lle gusta o rock ata o que lle gusta o jazz pode gozar dun concerto de Enxeito. Tamén á xente nova que lle gusta o trap, porque temos moito rap. Vai ser moi agradable para todo o mundo.