A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das estradas autonómicas da vila así como as actuacións de mobilidade levadas a cabo polo goberno local. Neste acto, Pontón estivo acompañada do alcalde, Félix Juncal, nun percorrido que se centrou en tramos como a rúa A Pedra, Eduardo Vincenti ou o cruce de Johan Carballeira en Pazos Fontenla.
Precisamente, foi nese último punto onde tiveron lugar as declaracións aos medios. Alí, Juncal recordou a situación da estrada autonómica PO-315 con “pavimentos en ruínas” e a necesidade de renovación das canalizacións de servizos de auga e saneamento. “O Concello elaborou un proxecto técnico desde fai máis de tres anos para unha renovación integral, en principio contabamos co apoio da Xunta e Augas de Galicia, pero hai varios meses descubrimos que negaban o financiamento“, explicou.
Ademais, Juncal fixo fincapé en que o Concello recada cerca de 200.000 euros polo canon da auga que transfire directamente a Augas de Galicia e que “tal e como di a lei debería retornar a melloras dos servizos e infraestruturas do municipio” e manifestou que Augas de Galicia leva desde 2008 “sen financiar ningunha actuación similar”.
A portavoz nacionalista Ana Pontón, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego preguntas para saber porque o PP “non está cumprindo co que lle compete”, acompañadas dunha iniciativa para que o Goberno da Xunta “abandone a inacción e se faga cargo” das súas responsabilidades. “Ante un PP que non inviste no acondicionamento da zona, o Concello si que actúa en clave local ou provincial co Plan Ágora que puxo en marcha o BNG na Deputación”, lembrou.
Nesta liña, Pontón puxo en valor as actuacións de urbanización como a da humanización da rúa A Pedra para “facilitar a mobilidade amable e segura” para as persoas. “Pedirémoslle á Xunta que cumpra con Bueu. A cidadanía ten dereito a circular por un espazo urbano de calidade, onde os nenos e as nenas poidan andar con seguridade”, indicou.
Pontón destacou tamén a aposta do BNG en Bueu por unha “mobilidade amable” na zona. “Por unha banda temos a Félix Juncal, que pon ás persoas no centro e, por outro, a xestión que está a facer a Xunta de Galicia coa súa inacción, sen executar as responsabilidades que lle competen”, denunciou.
Desde o BNG de Bueu sinalan que os viais da Xunta de Galicia que pasan por Bueu, a PO-551 e a PO-315 “precisan dunha renovación na trama urbana e nas parroquias” e poñen o foco na falta de beirarrúas ou beiravías así como “no mal estado do firme e dos espazos para os peóns”.