Os grupos de goberno, BNG e ACB, cargan contra Elena Estévez polas críticas ao traballo dos técnicos municipais en casos coma os do camiño de Coumiñán no que a voceira do PP denunciou “a falta de rigor” do goberno ao dar a licenza de primeira ocupación á vivenda antes de concluír o expediente.
O voceiro do goberno local, Xosé Leal, remarca que no último pleno o alcalde explicou que algunhas cuestións en relación a este asunto están pendentes do regreso do secretario accidental, que está de baixa. A isto únese á baixa prolongada da secretaria, que se está a cubrir de xeito e interino e que “é primordial á hora de certos informes e tramitacións”. Leal incide en que mentres o PP se declara fan incondicional dos informes técnicos nalgunhas ocasións, noutras poñen en dúbida o traballo dos empregados públicos. “En casos como os do camiño de Coumiñán só co afán de facer unha política de ruído e de crear confusión na veciñanza”, afirma.
Á vez, sinala que “unha persoa como Estévez fale de hipotecar o Concello é cando menos de mal gusto, xa que o seu goberno deixou unha herdanza económica na que estabamos na UCI” e defende o labor de Juncal “para solucionar os problemas da xente”.
BNG e ACB móstranse críticos co que consideran “a dobre vara de medir de Elena Estévez” e citan como exemplo as modificacións do Plan ReacPon. “O PP votou no pleno provincial a favor dunha proposta de Cercedo Cotobade, gobernado polo PP, e abstivéronse na modificación da obra da Biblioteca Torrente Ballester de Bueu”, conclúe.