O desenvolvemento urbanístico do centro de Beluso xa está máis cerca. O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu hoxe a sinatura do convenio urbanístico coa familia Davila de cesión dunha parcela no centro de Beluso, onde se sitúa actualmente o aparcadoiro público. Tanto o alcalde, Félix Juncal, como o edil de Urbanismo, Martín Villanueva, destacaron que se trata dun trámite moi necesario. “Permitirá que o Concello obteña mediante cesión os terreos e que suporá deseñar o Beluso do presente e do futuro”.
Inicio
A xénese deste proxecto sitúase no 2010, cando se eliminaron prazas de estacionamento na estrada provincial que vai desde a Rúa Nova ata o parque empresarial, a raíz das medidas de seguridade que esixía a Deputación. Foi entón cando o Concello buscou alternativas para recuperar os aparcadoiros e contactou coa familia Davila, coa que acordou un alugueiro de terreos para unha parcela. Desde aquela emprégase como aparcadoiro, unha solución que se estimaba temporal.
“Estabamos explorando fórmulas para que o Concello puidese adquirir os terreos mediante unha permuta”, lembran Juncal e Villanueva. Coa aprobación do PXOM abriuse unha nova fórmula, a formalización dun convenio a través do cal o Concello podía anticipar a obtención dos terreos mediante a cesión das persoas propietarias e establecendo condicións de forma regulada. Ese convenio foi o que se asinou esta mañá. “Ten carácter gratuíto, pero o Concello comprométese a aprobar os instrumentos de xestión urbanística nun prazo máximo dun ano e medio, para permitir o desenvolvemento urbanístico do centro de Beluso”, sinalan desde as dependencias municipais.
“A primeira pedra dese futuro Beluso que vén”
Para Juncal e Villanueva esta sinatura simboliza “a primeira pedra dese futuro Beluso que vén, con enormes oportunidades e que transformará a zona con criterios de mobilidade, accesibilidade e calidade urbana”.
Desde o Concello sinalan que de forma inminente acometerán unha mellora integral do aparcadoiro, así como o inicio da redacción dos proxectos aos que fai referencia o convenio. “Unha vez se edifique este solo, permitirá que exista unha bolsa de vivendas protexidas, para facilitar o acceso á vivenda”, explican. Na mesma liña, agradecen a colaboración e confianza da familia Davila, especialmente na figura de Aureliano Davila.