Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia, o XXIII Encontro e Degustación do Millo Corvo, organizado pola Asociación Cultural de Meiro e o Concello de Bueu. Unha reivindicación da tradición que xa está nomeada como Festa de Interese Turísitico de Galicia e que ofertará múltiples propostas que van desde degustacións ata coloquios e actuacións musicais.
A presentación do evento tivo lugar esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron Victoria Martínez, presidenta da Asociación Cultural de Meiro, o rexedor, Félix Juncal e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo.
VENRES 14: MUÍÑADA NO CANUDO
O encontro comezará o venres 14 coa tradicional muíñada no Canudo, na que este ano participará o IES Monte da Vila do Grove. Así, a partir das 22.00 horas terá lugar a elaboración e degustación dunha beberaxe “sorpresa”, que substitúe á habitual queimada.
SÁBADO 15: DEGUSTACIÓNS, COLOQUIOS E MÚSICA
O sábado comezará coa apertura da Ecotaberna ás 11.30 horas para a degustación de pratos elaborados con millo corvo, como empanadas, ovos con chourizo ou pan, así como unha cervexa artesá que se estreou o ano pasado.
O primeiro coloquio da xornada será ás 12.00 horas e afondará na relación do millo corvo co municipio de Ares, onde apareceu un manuscrito no que consta que un mariño de Meiro levou este tipo de millo ata o Mosteiro de Santa Catalina. Participarán o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias e directivos da Asociación Amigos do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro.
‘A cervexa, cousa de mulleres?’ é o título da seguinte charla, ás 13.00 horas e na que se volverá presentar a edición de cervexa de millo corvo con Marta Galán, mestra cervexeira de Ale Ale. Estará seguida dunha actuación dun grupo tradicional.
A tarde comezará coa presentación e degustación da bodega Xulia Bande, trala que haberá un obradoiro de alimentos fermentados e xogos tradicionais a cargo da Asociación Amodiño. O día rematará cun coloquio sobre a rexeneración de augas residuais con microorganismos do monte e a actuación musical de Uxía Senlle.
DOMINGO 16: ANDAINA, AMAS DA TERRA E OBRADOIROS
A derradeira xornada da festa arrinca cunha andaina polos muíños do Canudo coa asociación A Illa dos Ratos, precedendo á apertura da ecotaberna ás 11.30 horas.
Un dos pratos fortes desta edición chegará ás 12.00 horas co encontro das Amas da Terra, un proxecto social e gastronómico da cociñeira Lucía Freitas, Estrela Michelín. Tamén participarán a gandeira e fundadora de Granxa Maruxa, Marta Álvarez; Victoria Martínez e o experto en historia de alimentación de Galicia, Xavier Castro. Estarán acompañados por Luis Davila, que fará unha ilustración do evento e haberá degustación dun petisco de cociña creativa. A mañá rematará coa actuación de Tumba e Dalle.
A tarde acollerá o obradoiro e exposición de fotografía “Galicia Latente”, seguido dunha charla sobre o antropoceno coa bióloga Sara González e da actuación infantil e familiar de Paco Nogueiras. A edición rematará coa actuación das pandeireteiras Cinco en Zocas.
“UN ELEMENTO QUE NON DEBERIAMOS DEIXAR ATRÁS”
“É un pracer apoiar un ano máis un labor que empeza con moito traballo detrás da asociación para perpetuar a tradición“, sinalou esta mañá a edila de Promoción Económica, Silvia Carballo. Na mesma liña pronunciouse o alcalde, Félix Juncal, que destacou que esta festa é “unha fusión perfecta entre o pasado e o presente, na que se transmiten as tradicións e se revalorizan“.
Pola súa parte, en representación da Asociación Cultural de Meiro, Victoria Martínez explicou que “cada ano buscamos que haxa novidades nas actividades, para que sexa unha oportunidade de coñecer outras experiencias e proxectos”.