InicioPOLÍTICAO pleno aproba a ordenanza de terrazas e declara público o Camiño...

O pleno aproba a ordenanza de terrazas e declara público o Camiño de Coumiñán

Publicado o

O Salón de Plenos acolleu onte a sesión plenaria do mes de marzo, na que se aprobaron diversas propostas da orde do día como a ordenanza de terrazas, o expediente de contratación da obra da biblioteca Torrente Ballester, a declaración de natureza pública do Camiño de Coumiñán e a declaración para este 8M, Día Internacional das Mulleres, esta última pola vía de urxencia.

A primeira cuestión tratada foi a aprobación definitiva da ordenanza de terrazas, que o edil de Urbanismo, Martín Villanueva, cualificou como “garantista” para o espazo público e que recolle as sensibilidades de hostalaría e veciñanza. A ordenanza, que substitúe a de 2012, recibiu seis alegacións que “non se estimaron ao estar xa recollido o que se solicitaban”.

Votación da aprobación da ordenanza de terrazas.

Desde o PP, Elena Estévez, criticou, precisamente, que “se desestimen todas as alegacións” e referiuse a que algunhas foron presentadas por veciños de zonas afectadas polas terrazas como a Banda do Río. “Bótase en falta a vontade do goberno”, afirmou.

Unha cuestión que tamén foi compartida polo voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, que puxo o foco en que as alegacións non foran contestadas. Ante isto, o vicealcalde e voceiro de ACB, Julio Villanueva, defendeu que se trata dunha normativa “que a veciñanza leva anos pedindo e que foi consensuada”.

Finalmente, a ordenanza foi aprobada cos votos favorables de BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP optou pola abstención. A nova normativa estará dispoñible na web do Concello e será publicada no Boletín Oficial da Provincia.

Un momento da sesión plenaria de onte.

DECLARACIÓN DO CAMIÑO DE COUMIÑÁN

A sesión de onte tamén tratou a resolución do expediente do Camiño de Coumiñán, na parroquia de Beluso. O concelleiro de Urbanismo foi o encargado de avanzar as conclusións do informe de Secretaría, que dá conta da natureza pública deste camiño ante varios antecedentes. Entre eles están as imaxes do Voo Americano de 1956 e o Catastro, nas que hai constancia documental do sendeiro de dominio público.

Villanueva sinalou que a cuestión ten orixe nunha licenza de primeira ocupación nunha vivenda, que levou a presentación de escritos da veciñanza ante o peche do camiño, que non viña recollido no Inventario de Camiños de Beluso.

A voceira do PP, Elena Estévez, lamentou a demora para levar o expediente a pleno, máis de dous anos despois do seu inicio e atribuíuno á “deixadez e falta de interese” do goberno. A popular advertiu tamén das consecuencias da aprobación, sinalando que o propietario da vivenda ten intención de reclamar.

O grupo do PP onte na sesión plenaria.

A quenda rematou coa intervención do alcalde, Félix Juncal, que defendeu que “o expediente vén a pleno tras dous anos nos que actuamos con prudencia e dilixencia e cunha tramitación escrupulosa“. Finalmente, a proposta foi aprobada por unanimidade dos catro grupos.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 8M

O derradeiro asunto da sesión foi a aprobación da declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e que contou co respaldo de todos os partidos. Foi levada por vía de urxencia, xa que non figuraba na orde do día, e incide na preocupación ante o aumento da fenda de xénero así como na necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero. Tamén inclúe o inicio dos trámites para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres.

LICITACIÓN DA REFORMA DA BIBLIOTECA TORRENTE BALLESTER

O pleno tamén aprobou a segunda licitación do expediente de contratación da obra da biblioteca Torrente Ballester, cos votos a favor de BNG e ACB e as abstencións de PP e PSOE. O orzamento da actuación, financiada co plan ReacPon da Deputación, ascende a 1.108.321,90 euros, con IVE engadido.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...