InicioPOLÍTICAO pleno aproba solicitar a reforma do pavillón de Beluso e da...

O pleno aproba solicitar a reforma do pavillón de Beluso e da rúa Pazos Fontenla cos votos de BNG e ACB

Publicado o

Na sesión tamén se aprobou por unanimidade o Plan Municipal Contraincendios (PAM) e foron presentadas mocións de apoio á concentración da sanidade pública e de fomento da igualdade

O Salón de Plenos do Concello acolleu o luns a sesión ordinaria de febreiro, que se estendeu durante case tres horas e que comezou cun minuto de silencio por Beatriz Lijó, a muller asasinada en Baiona vítima de violencia machista.

A sesión comezou coa aprobación por unanimidade do Plan Municipal Contraincendios, que foi presentado polo edil de Medio Ambiente, Xosé Leal, e que o defendeu como “un traballo complexo e extenso e que agora facilitará o traballo do persoal municipal para xestionar as faixas forestais e as notificacións á veciñanza”. O documento, que estará dispoñible na web municipal, tamén permitirá estudar a opoción de adherirse a un convenio con Medio Rural.

Reforma do pavillón de Beluso

Tras isto, os grupos de goberno de BNG e ACB presentaron unha moción conxunta para remitir o proxecto de reforma do pavillón de Beluso e instar á Xunta de Galicia “a cumprir o compromiso adquirido” e aprobar o convenio de colaboración para financiar o proxecto do pavillón.

O voceiro do BNG, Xosé Leal, relatou as reunións mantidas co Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que solicitou ao goberno que remitisen as actuacións necesarias e viables. “O que necesitamos é que a Xunta non dilate máis o que precisa o deporte en Bueu, non queremos migallas, senón investimentos de calado como no resto de concello”, apuntou Leal, que tamén pediu o apoio da corporación. Esta liña tamén foi apoiada polo voceiro de ACB, Julio Villanueva, que destacou que desde o 2003 “a Xunta pouco ou nada colaborou con Bueu, debe cumprir coa súa promesa”.

Na súa intervención, a voceira do PP, Elena Estévez, anunciou a abstención do grupo e aludiu a contradicións na proposta. “Non hai un incumprimento de compromiso da Xunta porque non se remitiu o proxecto”, incidiu, á vez que tamén afirmou que “non se contou coa oposición” para coñecer a reforma. Mentres, o voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, sinalou que non estaba de acordo coa tramitación do proxecto. Tras o debate, a proposta aprobouse cos votos a favor de BNG e ACB, en contra do PSOE e a abstención do PP.

Renovación da rúa Pazos Fontenla

A mesma votación tivo lugar para a moción presentada de novo polos grupos de goberno para instar á Xunta de Galicia a asumir o financiamento da renovación integral dos servizos de abastecemento e saneamento na rúa Pazos Fontenla.

Leal lembrou o compromiso da Consellería de Infraestruturas, así como que o proxecto formaría parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e apuntou a que o Concello realizou as correccións solicitadas. “O Concello fixo os deberes, Infraestruturas e Augas de Galicia deberían cumprir o acordado e asumir o financiamento do proxecto”, expresou.

Desde o PP, Estévez indicou que as prioridades de actuación da Xunta en Galicia debían ser a dotación de beirarrúas entre Lapamán e Agrelo e entre Beluso e Vilar. Tamén mencionou que nesta ocasión o proxecto xa fora remitido á Xunta. O voceiro do PSOE tamén explicou que “non podo apoiar un proxecto que descoñezo”.

Moción contra a violencia machista

O pleno tamén aprobou a moción do PP para o fomento da igualdade e na que pedía instar ao Goberno do Estado, á Xunta, á Deputación e ao Concello a repensar as medidas de igualdade para chegar a máis xente de distintas idades.

A edila de Igualdade, Ana Isabel Otero, defendeu o traballo realizado polas traballadoras do Centro de Información á Muller e de iniciativas como o Plan de Igualdade Intercentros e de formación. Mentres, desde ACB manifestaron o seu voto en contra “por ser coherente co PP de que non se pode instar á Xunta” e puxo en foco nunha das derradeiras campañas da Xunta que se volveu polémica. A moción saíu adiante cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e en contra de ACB.

Apoio ao manifesto da sanidade

A sesión rematou coa moción de BNG e ACB para o apoio ao manifesto da sanidade elaborado en Pontevedra polas alcaldías e grupos municipais da área sanitaria Pontevedra-Salnés así como para a mobilización deste domingo xunto a SOS Sanidade Pública.

“É importante a mobilización social e debe haber unha resposta unánime ante a situación da sanidade”, indicou Leal. A moción aprobouse cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE e a abstención do PP.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...