A reunión coa veciñanza será este martes ás 20 horas na Casa da Música Manuel Omil
O Concello presenta hoxe o proxecto de urbanización da contorna da Casa da Música e que consiste na humanización da Praza do Enleito e da contorna inmediata da instalación municipal. A actuación será presentada ás 20.00 horas á cidadanía e colectivos da zona nun encontro na Casa da Música.
A superficie de actuación supera os mil metros cadrados e, tal e como consta no proxecto técnico, será necesario levantar a pavimentación polo que se aproveitará a ocasión para renovar e modificar as redes de iluminación e de saneamento de pluviais.
Unha das novidades desta actuación é que o acceso rodado será nun único sentido de circulación, habilitando zonas de aparcadoiro. Ademais, a sección do espazo será unha plataforma única para fomentar a mobilidade e accesibilidade da veciñanza e das persoas usuarias da Casa da Música.
Tal e como explican desde o goberno local, os novos muros de contención permitirán ampliar a superficie destinada á praza, un espazo público no que se porán en valor elementos catalogados como a fonte e o cruceiro. O orzamento da actuación ascende a case 238.000 euros e o proxecto será incluído nas subvencións do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra.