O Concello vén de abrir un prazo de trinta días para a presentación de alegacións e suxestións á ordenanza municipal de terrazas. O texto aprobouse de xeito inicial no mes de decembro polo pleno da corporación municipal e agora foi publicado no Boletín Oficial da Provincia.
Esta proposta substitúe á que se aprobara no 2012 e adáptase á nova realidade urbanística da vila, con espazos públicos, rúas peonís ou soportais. O edil de Urbanismo, Martín Villanueva, sinala que se trata dunha ordenanza garantista para o espazo público e consensuada polo goberno local coa asociación de comerciantes e o sector hostaleiro. Tamén se realizou unha consulta pública previa na que a veciñanza puido presentar suxestións.
O documento aprobado incialmente pretende resolver cuestións como o procedemento para colocar terrazas nos espazos públicos, as distancias e dimensións, o réxime sancionador ou as características das instalacións. Tamén fai referencia aos horarios para a instalación de terrazas e que serán ata ás 00.30 horas nos días laborais e ata ás 1.30 horas nas noites de venres a sábado, de sábado a domingo e as vésperas de festivos, no caso dos meses de xaneiro a maio e de outubro a decembro. De xuño a setembro o horario muda ata ás 1.30 horas nos días laborais e ata ás 2.30 horas de venres a sábado, de sábado a domingo e vésperas de festivos.
O texto completo da ordenanza pódese consultar na web municipal e nas dependencias municipais. As alegacións deben presentarse antes do 9 de febreiro e unha vez pechado o trámite, a normativa será levada a pleno para a súa aprobación definitiva.