InicioCULTURAAbre o prazo do Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis

Abre o prazo do Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis

Publicado o

O Concello de Bueu vén de abrir o prazo do I Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis, co que se persegue promover a creación artística á vez que se pon en valor e se dá a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) recolle hoxe esta convocatoria e as bases do certame, para o que as persoas poden enviar as súas propostas pictóricas ata o 30 de abril.

O certame terá unha dotación de 1.500 euros e vai dirixido a artistas noveis maiores de 18 anos e cuxa obra terá que ser inédita e orixinal, cunha temática libre. Será admitida calquera técnica de pintura e os traballos pódense presentar de forma individual ou colectiva.

O prazo de inscrición, ata o 30 de abril, constará de dúas fases. Primeiro, as persoas interesadas en participar poderán inscribirse antes do 30 de abril enviando por correo postal un CD ou USB cos arquivos da obra e as súas características. Deben engadir tamén un documento de texto cun breve currículo do autor ou autora e outros datos, tal e como se indican nas bases do concurso.

Presentación do Certame de Pintura Otero Baena en novembro.

Unha vez revisada a documentación, convocarase a un xurado de recoñecido prestixio no que participarán representantes da Fundación Laxeiro, do Museo Massó, da Facultade de Belas Artes e dous artistas. Valorarán a orixinalidade no tratamento do tema, o manexo das técnicas pictóricas, a calidade da obra e a novidade do tema e farán unha preselección dun máximo de 25 obras que se expoñerán na Sala Amalia Domínguez Búa. A exposición poderase ver nas semanas previas ao 27 de xuño, data de nacemento de Otero Baena e arredor da que tamén se organizará a gala de entrega do premio onde se coñeza a obra gañadora.

O alcalde da vila, Félix Juncal, destaca que “é un pracer acompañar á familia nun proxecto tan fermoso e que formará parte do noso patrimonio inmaterial” e recorda que este certame súmase a outros premios culturais como o Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo.

Otero Baena, o artista que dá nome ao certame, faleceu no 2017 e foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Un pintor de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.

ÚLTIMAS

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...

O PP denuncia a “falta de limpeza” na contorna do CEIP A Torre-Cela

"Un alcalde que faí oídos xordos ás peticións da veciñanza e pon unha venda...

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado...

A obra de acceso ao peirao de pasaxeiros, co recheo de cemento na praia, “carece de permiso” de Costas

O Servicio Provincial de Costas de Pontevedra vén de confirmar a Anduxía que a...