InicioPOLÍTICAO BNG confirma a Félix Juncal como candidato á Alcaldía

O BNG confirma a Félix Juncal como candidato á Alcaldía

Publicado o

O BNG confirmou onte oficialmente que Félix Juncal volverá ser o candidato á Alcaldía para as vindeiras eleccións municipais. Foi durante un xantar ao que asistiron arredor de 120 persoas e que serviu tamén como acto de peche ás xornadas que o partido celebrou esta semana na vila para conmemorar os seus máis de 40 anos de historia e os 25 no goberno local.

Juncal comezou cun recordo á aprendizaxe que viviu na súa primeira etapa como concelleiro de 1995 a 1999 no goberno de Xosé Novas. Tras isto, Juncal encabezou a candidatura do 2003 coa que conseguiu recuperar o goberno ata a moción de censura do 2004. Tres anos máis tarde, no 2007, foi elixido de novo e logrou por primeira vez a maioría absoluta, que repetiría en 2011 e 2015. Actualmente, o BNG goberna en coalición con ACB, da man de Julio Villanueva, ao que onte Juncal tamén agradeceu o seu labor.

Da súa primeira etapa, do 2007 ao 2011, Juncal explicou que serviu para “emprender a transformación dun concello que estaba abandonado” e para a materialización de proxectos como o tanatorio municipal, a ITV, os campos de fútbol, a Casa da Música, os problemas das inundacións…“Fixemos realidade o que parecía imposible”, afirmou.

Juncal cualificou o seu segundo mandato como “a etapa da consolidación” e puxo o foco nas “restricións que se foron impoñendo desde Madrid de carácter fiscal e financeiro”. Destes catro anos lembrou o desenvolvemento das políticas sociais como as subvencións deportivas e culturais e a estabilidade orzamentaria. Na seguinte etapa, de 2015 a 2019, Juncal apuntou aos avances en proxectos como a piscina municipal, o estaleiro de Purro ou a aprobación do PXOM.

Sobre o derradeiro período, que rematará o vindeiro 2023, Juncal puxo en valor “que se fixeron realidade proxectos como a piscina ou a recuperación do estaleiro”. Tamén destacou a mellora da mobilidade en rúas como A Pedra, o remate da actuación de Ermelo, as melloras na nave de remo e no pavillón municipal, a ampliación do cemiterio ou a bandeira azul da praia da Banda do Río.

Finalmente, Juncal referiuse aos proxectos de futuro, algúns deles xa en diferentes fases de redacción, como o paseo de Agrelo e Portomaior, a área recreativa da Achadiza, a renovación de Chans, a remodelación do pavillón de Beluso, o concurso de ideas da Banda do Río e a transformación urbana en Beluso e en zonas como As Meáns. “É un traballo que se debe materializar e necesitamos renovar a confianza do pobo”, concluíu.

Juncal tamén quixo facer un recoñecemento ás persoas “que fixeron posible que hoxe o BNG sexa a primeira forza política social e electoral en Bueu” e recordou que é a organización que máis anos estivo ao fronte do Concello.

No acto tamén participou o responsable de organización do BNG, Bieito Lobeira, que fixo fincapé nas singularidades da vila. Lobeira recordou o paso de Johan Carballeira como alcalde e tamén o primeiro goberno de Xosé Novas, de 1979 a 1983. “Na primeira oportunidade que tivo Bueu de votar despois da ditadura franquista houbo un alcalde nacionalista”, lembrou. Mais Lobeira tamén tivo palabras para as catro décadas de historia do BNG. “É imprescindible que unha nación como a nosa tivera unha expresión política de seu como o BNG para defendela e para aspirar a un futuro de liberdade e soberanía”, concluíu.

O responsable de organización do BNG, Bieito Lobeira.

Este acto serviu de peche para as xornadas “40 anos ao servizo dun pobo” e nas que o BNG de Bueu organizou coloquios con diversas persoas que participaron en cada etapa de goberno. Paralelamente, a planta baixa do Centro Social do Mar acolleu unha exposición con documentos históricos.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...