InicioPOLÍTICAO BNG celebra 40 anos de historia e 25 no goberno de...

O BNG celebra 40 anos de historia e 25 no goberno de Bueu

Publicado o

O BNG de Bueu organiza esta semana as xornadas “40 anos ao servizo dun pobo” para conmemorar as catro décadas de historia da formación así como os 25 anos nos que estivo ao fronte do goberno local, divididos en tres etapas. As actividades, que engloban coloquios e unha exposición, comezan hoxe cunha charla no Centro Social do Mar ás 20.00 horas sobre a primeira etapa de goberno, entre 1979 e 1983.

Os encargados de abrir as conferencias esta tarde serán Xosé Novas, Elisa González e Manuel González “Purro” nun encontro moderado por Teresa Barros. Os tres primeiros formaron parte do goberno de 1979 a 1983, no que Novas foi elixido alcalde e no que Elisa González foi a primeira concelleira da democracia bueuesa, con só 22 anos. Manuel González entrou tralo falecemento de Francisco Otero, mentres que o cuarto edil foi Xulio Medraño. Desa etapa destacan actuacións como o manifesto firmado por 15 concellos da provincia en 1981 para pedir respecto á Deputación, nas mans da UCD; elaboración de normas urbanísticas ou as programacións culturais polas Letras Galegas.

De esquerda a dereita: Ana Isabel Otero, Alberto Moital, Elisa González, Manuel González “Purro”, Teresa Barros, Xosé Novas, Ricardo Verde e Xosé Leal.

A segunda etapa de goberno, tamén con Novas como alcalde de 1995 a 1999, será tratada no coloquio do venres coa participación de Manuel Mosteiro, Xosé Ramón Millán, Manolo Otero e Chelo García. Eses catro anos estiveron protagonizados por actuacións como a primeira fase do parque empresarial, co traslado da fábrica de Alonso.

O acto de peche será o domingo no restaurante A Centoleira, tralo que está programado un xantar. A etapa tratada ese día será a do actual alcalde da vila, Félix Juncal, que leva ao fronte do goberno municipal desde 2007, tras un primeiro ano no 2003, cando tivo lugar a moción de censura.

Unha exposición aberta á veciñanza

Ademais das charlas, o BNG organiza unha exposición para recordar o paso destas catro décadas e que se inaugura esta mañá na entrada do Centro Social do Mar. Listas electorais, boletíns, carteis, noticias de xornais ou programas electorais son algúns dos elementos que compoñen a mostra, que tamén se divide segundo as etapas de goberno.

A exposición estará aberta á veciñanza desde esta mañá ata o domingo en horario de 11.30 a 13.00 horas e de 18.30 a 20.00 horas. O sábado e o domingo só abrirá pola mañá.

ÚLTIMAS

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...

O PP denuncia a “falta de limpeza” na contorna do CEIP A Torre-Cela

"Un alcalde que faí oídos xordos ás peticións da veciñanza e pon unha venda...

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado...

A obra de acceso ao peirao de pasaxeiros, co recheo de cemento na praia, “carece de permiso” de Costas

O Servicio Provincial de Costas de Pontevedra vén de confirmar a Anduxía que a...