InicioPATRIMONIOO PP critica a posición do goberno en relación á cheminea...

O PP critica a posición do goberno en relación á cheminea Massó e demanda a corrección dos erros do PXOM

Publicado o

O estado da cheminea Massó, que chegou á sesión plenaria de novembro a través dunha moción do PP, continúa de actualidade. A proposta, que instaba ao goberno local a realizar un estudo sobre a conservación da cheminea, non logrou saír adiante e contou cos votos en contra de BNG e ACB. Uns votos que agora o PP cualifica como “en contra á seguridade dos viandantes e á conservación do patrimonio histórico de Bueu”.

A postura do goberno local fundaméntase na titularidade do ben, que tal e como sinalou o edil de Urbanismo, Martín Villanueva, é privada. Ante isto, a voceira do PP, Elena Estévez, defende que “está fóra da lóxica que se escusen baixo esa premisa para non votar a favor, cando todos sabemos que o Concello ten a obriga legal de garantir a seguridade de todas as persoas”. Estévez considera que o voto en contra veu motivado porque a moción foi proposta polo PP, xa que se avanzou que se realizará unha inspección ocular da cheminea.

Imaxe do estado da cheminea Massó, concretamente na parte baixa. Imaxe: PP.

Nas explicacións, o edil de Urbanismo, Martín Villanueva, tamén aludiu a que existía un “erro” polo que a cheminea figuraba como un ben público e non se facía referencia á titularidade privada Así, a voceira do PP, Elena Estévez, sinala que estas aclaracións son “o colmo de que teñan a pouca vergoña de recoñecer que o PXOM ten máis erros e que son conscientes deles”. Por ese motivo, demanda a modificación dos defectos do documento e reclama “que formen parte da orde do día da vindeira sesión”.

Críticas ás palabras do vicealcalde

Desde o PP tamén critican a posición e a linguaxe empregada polo vicealcalde , Julio Villanueva. O voceiro de ACB votou en contra da moción e defendeu a súa posición considerando a cheminea Massó como “un símbolo fálico e fascista” e apelou á familia Massó como “asasina de máis persoas que ETA”.

O grupo do PP de Bueu durante a derradeira sesión plenaria.

Estas verbas non sentaron ben no grupo popular. “Empregou un vocabulario impropio dun órgano no que se representa a todos os veciños da vila”, critica Elena Estévez. Tamén alude á actitude do alcalde, Félix Juncal. “Estamos ante un rexedor que, con tal de ter contento e sumiso ao socio de goberno, esquece as súas funcións á hora de dirixir o debate plenario”, sentenciou.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...