InicioECONOMÍAO pleno aproba unha moción en defensa da frota galega ante o...

O pleno aproba unha moción en defensa da frota galega ante o novo regulamento europeo

Publicado o

O Salón de Plenos acolleu onte a sesión ordinaria de novembro, onde a corporación mostrou o seu respaldo unánime á frota pesqueira galega ante o novo regulamento aprobado pola Comisión Europea. Todos os grupos políticos votaron a favor desta moción, que foi presentada polo BNG.

O voceiro nacionalista, Xosé Leal, foi o encargado de ler o texto, onde se facía referencia ao peche de 87 áreas de pesca e as súas consecuencias para os buques con artes de fondo. “É un novo golpe que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca ou ao impacto o Brexit”, sinalou Leal, que fixo fincapé en que o acordo “contou con informes científicos insuficientes e sen buscar alternativas co sector”. Tamén apuntou á ameaza que supón este novo regulamento para os barcos galegos e os postos de traballo, con repercusións en Bueu e a comarca do Morrazo.

Votación a favor do pleno ante a moción en defensa da frota galega.

Así, a moción insta á Xunta a convocar o Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria e defender a frota galega. Tamén reclama ao goberno español tomar todas as medidas posibles para a anulación do regulamento, así como o inicio do procedemento xudicial.

A voceira do PP, Elena Estévez, anunciou o grupo a favor do seu grupo. “Aínda que haxa aspectos cos que non estamos completamente de acordo, é preciso axudar ao sector cun acordo unánime”, explicou. Desde ACB, Julio Villanueva, reafirmou que “é fundamental defender a pesca galega ante esta nova normativa”.

Cheminea de Massó

O pleno debateu tamén a moción presentada polo PP e na que se instaba ao goberno local a realizar un estudo do estado da cheminea Massó, para adoptar as medidas necesarias e garantir a súa integridade. A voceira popular mencionou que a parte inferior da estrutura “está deteriorada” e que a moción “obedece ao sentir noso e tamén da veciñanza que está preocupada polo estado”.

Tras isto tomou a palabra o edil de Urbanismo, Martín Villanueva, que explicou que este ben “é de titularidade privada, aínda que estea nun espazo público, e non podemos proceder a actuar sobre ela”. Villanueva aludiu a que existe un erro no catálogo que non especificaba a propiedade.

O grupo do PP na sesión plenaria de onte.

O voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, avanzou que aínda que non fora un ben municipal “temos que instar á propiedade a tomar as medidas oportunas”. Noutra banda, Julio Villanueva, anunciou o voto en contra de ACB. “É un símbolo fascista dos maiores caciques que houbo en Bueu que non merecía estar aí”, mencionou.

Ante isto, Estévez pediu ao edil de Urbanismo a modificación do erro no catálogo e “tomar as medidas para a quen lle corresponda faga o que teña que facer”. A continuación interveu o alcalde, Félix Juncal, que recordou como foi instalación da cheminea no 2005. “O PP negociou un convenio que prexudica ao Concello, cunha redución de metros cadrados e que permitiu cortar a cheminea pola base, poñendo en risco a súa estabilidade”, confirmou.

Un momento da sesión plenaria de onte, no Salón de Plenos do Concello.

Juncal avanzou que lle trasladará ao aparellador esta inquietude polo estado da cheminea. “De considerar algún perigo, requirirá á propiedade para o seu estudo”, concluíu. Así, a moción non prosperou xa que co contou cos votos a favor de PP e PSOE e en contra de BNG e ACB.

Para rematar, o PSOE propuxo unha moción por vía de urxencia sobre o estado da sanidade pero que, finalmente, levará á próxima sesión plenaria. Onte tamén tivo lugar a aprobación por unanimidade da Conta Xeral do Concello do ano 2021, un trámite administrativo que se debe cumprir anualmente.

ÚLTIMAS

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...

O PP denuncia a “falta de limpeza” na contorna do CEIP A Torre-Cela

"Un alcalde que faí oídos xordos ás peticións da veciñanza e pon unha venda...

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado...

A obra de acceso ao peirao de pasaxeiros, co recheo de cemento na praia, “carece de permiso” de Costas

O Servicio Provincial de Costas de Pontevedra vén de confirmar a Anduxía que a...