Ante a chegada do Samaín, comezan a anunciarse os eventos que a vila acollerá para celebrar esta festividade. Na parroquia de Cela, a Asoaciación Cultural Costumes de Cela organiza este domingo, da man do Concello de Bueu, unha Festa de Samaín no adro de Cela a partir das 16.30 horas e na que confluirán diversas actividades.
A tarde comezará cunha exposición e concurso de cabazas terrroríficas e coa animación, xogos e obradoiros de “Animación Mimos“. Ademais, tamén haberá castañas de balde xa que se organiza un magosto popular. Tampouco faltarán as bebidas e chocolate quente a prezos populares.
O grupo local Os Palleta Mollada poñerá o broche final á xornada cunha actuación musical ás 18.30 horas. Os bueueses interpretarán diversos temas tradicionais, algúns populares e outros de composición propia. Desde Costumes de Cela lembran tamén que se poderá asistir disfrazado.