O Concello de Bueu vén de convocar unha nova edición dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo para a presentación de traballos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2023. Os galardóns contarán cunha dotación económica de 1.500 euros para ambas categorías e no caso do de poesía tamén se inclúe a publicación por parte da Editorial Xerais.
O certame celebra a vixésimo sexta edición na categoría de poesía e a vixésima no caso de xornalismo. As persoas que desexen participar poderán facelo mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como establecen as bases publicadas na web do Concello.
Na derradeira convocatoria o gañador da categoría de poesía foi Miguel Sande con “Brinde e desespero”. No caso de xornalismo, o premio foi para Antía Yáñez pola crónica “A saúde mental en Galicia, en bragas”, publicada na revista Luzes.
Estes premios naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira. Ao longo da súa historia xa se ten galardoado a persoas como Francisco Seoane, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro ou Yolanda Castaño, Berta Dávila ou Ismael Ramos.