InicioCULTURAAntía Yáñez e Miguel Sande reciben os Premios Johan Carballeira

Antía Yáñez e Miguel Sande reciben os Premios Johan Carballeira

Publicado o

A poesía e o xornalismo en galego foron os protagonistas do acto de entrega dos Premios Johan Carballeira, que se celebrou onte no Centro Social do Mar. O Concello entregou aos premiados, Miguel Sande e Antía Yáñez, unha cerámica de Carballeira deseñada por Cavalinho do Demo e un lote de libros. Ademais de recordar a figura de Johan Carballeira, o acto centrouse na importancia das verbas e da memoria.

Os premiados Miguel Sande e Antía Yáñez.

A primeira intervención da gala foi a cargo do edil de Cultura, Xosé Leal. “Carballeira plantou a semente, que segue medrando e hoxe recollemos”, sinalou Leal, que tamén tivo palabras para a sensibilidade da poesía e da prensa escrita en galego.

A continuación tomou a palabra Manuel Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. “Escribir en galego é case un acto de resistencia”, comezou Mosteiro, que recordou o labor xornalístico de Carballeira. Tamén tivo palabras para os traballos premiados, dos que destacou “a perspectiva persoal” da crónica de Antía Yáñez así como a “fusión e tensión entre pensamento e sentimento” da prosa poética de Miguel Sande. Mosteiro rematou destacando a aposta do Concello “pola memoria histórica e lingüística”.

A continuación foi a quenda de Antía Yáñez, gañadora na categoría de xornalismo coa crónica “A saúde mental en Galicia, en bragas” publicada na revista Luzes. Yáñez explicou a perspectiva persoal da súa peza xornalística. “É unha crónica das cousas que vivira eu ao longo dos anos, pero non quería quedarme só en min e contactei con dous profesionais da saúde mental e dúas pacientes“, relatou. “Quería explicar como o Sergas estaba tratando aos enfermos de saúde mental e aos profesionais”, concluíu.

Intervención de Antía Yáñez, que resultou gañadora na categoría de xornalismo.

Os premiados recibiron, ademais da cerámica, 1.500 euros que é a dotación que teñen actualmente os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo. Uns galardóns que naceron como homenaxe a Johan Carballeira e o seu labor neses ámbitos, aos que aludiu o alcalde da vila, Félix Juncal, na súa intervención. “O xornalismo e a poesía serviron a Carballeira para loitar a prol das causas xustas”, sinalou Juncal. “Os premios están a cumprir co obxectivo de fomentar a creación en lingua galega e honrar ao que foi o noso alcalde, Johan Carballeira, e que foi represaliado”, apuntou o rexedor, que despediuse augurando “mil primaveras máis” para os premios, recordando as verbas de Álvaro Cunqueiro.

Intervención do alcalde, Félix Juncal.

Música de Sheila Patricia

O acto de entrega dos Premios Johan Carballeira estivo acompañado pola música de Sheila Patricia, que presentou o espectáculo “Bebedeira” para o que musicou algúns poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano polas Letras Galegas.

Actuación de Sheila Patricia.

A cantante despediuse tamén interpretando algúns dos seus temas como “O mar” ou “A moura”.

Remate das “Letras Galegas e Colectivas”

Ademais da gala de entrega dos premios, onte despediuse a programación “Letras Galegas e Colectivas”, que rematou na Casa da Aldea de Meiro nun acto organizado da man da Asociación Veciñal A Morada. Alí o público acudiu á presentación do libro “Peroxo, un rapaz de aldea”, de Luís Chapela. Ademais dun recital poético, os asistentes tamén gozaron da música dos grupos locais Os Mulos e Os Palleta Mollada.

Un día antes, a programación cultural trasladouse a Cela, coa participación da Asociación Cultural Costumes de Cela. Ademais de entregar os premios do concurso de microrrelatos, tamén houbo música do grupo Retrouso, espectáculo de monicreques e animación infantil.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...