InicioCULTURAEdición récord do SonRías: 22.230 asistentes e un impacto económico superior ao...

Edición récord do SonRías: 22.230 asistentes e un impacto económico superior ao millón de euros

Publicado o

O regreso do festival SonRías Baixas ao gran formato viviuse por todo o alto en Bueu. Así o confirma o balance que fai a organización despois de tres xornadas repletas de música en directo e ambiente festivo, que consolidan o festival como unha das citas imprescindibles do verán en Galicia. Así o abalan os datos, con 22.230 asistentes, que superan a cifra de 2019 e se converten no récord do festival. Tamén é positivo o dato do impacto económico na zona, que se sitúa en 1,25 millóns de euros.

Público durante un dos concertos do SonRías Baixas 2022. Imaxe: May

Tal e como indican desde a organización, a 19ª edición do festival xerou 510 empregos directos, con máis de 20 bandas contratadas cos seus respectivos equipos así como a contratación de provedores locais, contando con empresas de proximidade. O impacto do festival tamén xerou unha ocupación do 100% das prazas hoteleiras de Bueu, que se trasladou á contorna da vila.

Así, o impacto económico na zona pola celebración do festival foi duns 1,25 millóns de euros. “Non é so un evento musical, senón que traballamos na procura de favorecer a posta en valor do territorio como destino musical, turístico e cultural”, asegura Jordi Lauren, codirector do festival. Refírese Lauren tamén á activación económica de sectores como o hostaleiro, o de transportes ou o comercio de proximidade.

Un dos momentos do concerto de Rayden no SonRías Baixas 2022. Rocío Cibes.

O codirector do festival, Jordi Lauren, asegura que esta edición supuxo a confirmación do retorno do festival. “Xa se está a traballar na edición do ano que vén, na que festexaremos por todo o alto o 20º aniversario do SonRías Baixas”, avanza.

Ademais do récord de 22.230 asistentes, o público do festival destaca a presenza de franxas de idades moi novas, que o consolidan como a primeira experiencia festivaleira para boa parte do público galego e menores de 30 anos. Un 13% do público pertencía á franxa dos 18 aos 22 anos, un 16% á de 23 a 25 anos e un 16,8% de 26 a 28 anos. Tamén destaca a franxa de menores de 1 a 17 anos, que supuxeron un 7% dos asistentes.

Tanxugueiras recibiu o disco de ouro

Un dos grupos máis agardados polo público desta edición foi Tanxugueiras, que recibiu durante o concerto o disco de ouro polo seu single Terra, con máis de 30 millóns de reproducións. As pandeireteiras lograron facer vibrar a un público entregado na presentación do seu novo álbum, “Diluvio”.

Tanxugueiras recibe o disco de ouro no SonRias Baixas 2022. Óscar Corral.

Tamén contaron cunha gran acollida os concertos de artistas e bandas moi queridas polo público do SonRías, como é o caso de La M.O.D.A., Rayden ou Kase.O así como a actuación de Rels B.

Outro dos aspectos diferenciais desta edición foi a incorporación de novos estilos musicais ao cartel. “A nosa intención foi a de chegar a todos os públicos con estilos diversos”, sinala Berta Domínguez, codirectora do evento e que recorda a importante presenza de mulleres no cartel, como Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Tanxugueiras, Cool Nenas ou Balkan Paradise Orchestra. A edición serviu tamén de primeiro escenario de artistas emerxentes como Law, cunha actuación con público formado por artistas, membros da industria discográfica e programadores de festivais estatais.

Concerto de LA M.O.D.A. no festival. Imaxe: May Robledo.

Desde a organización destacan tamén o traballo en áreas como a sustentabilidade, cun plan sen precedentes na historia do festival para poñer o foco na recollida selectiva de residuos, minimizar os consumos de enerxía e auga e a redución de plásticos dun só uso. Tamén na implantación de medidas como a incorporación dun Plan de lecer non sexista, para garantir que o evento fose un espazo seguro e inclusivo.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...