Ermelo, cerne do Morrazo, celebrou onte a festividade de Santiago Apóstolo cun sentimento común, o de manter as súas tradicións. Non só polos oficios relixiosos e as actuacións, senón tamén polo gran número de veciños e veciñas que se congregaron para comer nos arredores. A primeira das Freguifestas, organizada polo Concello, tamén contou coa emotividade, que chegou da man da homenaxe a Manuel Barreiro e María Paredes, dúas persoas esenciais no día a día da aldea.
Ao son das pandeireteiras de Retrouso, o día comezou por todo o alto en Ermelo. Xa a esa hora, numerosas persoas acudiron para escoitar os seus temas tradicionais e, á vez, preparar o seu sitio para a posterior romaría. Os oficios relixiosos celebráronse ás 13.00 horas na igrexa, coa presenza do párroco José López. Trala misa no interior, recuperouse a tradicional procesión arredor do templo, coas imaxes de Santiago Apóstolo e Santa Ana.
Antes da comida, o grupo Distrito 7 foi o encargado de amenizar a sesión vermú, con presenza de persoas chegadas non só de Bueu, tamén de Moaña e Cangas. A continuación, os asistentes trasladáronse á contorna da Esculca, onde fixeron parada para a tradicional romaría. A carballeira ofrecía unha imaxe que ilusionou a moitos dos alí presentes, polo mantemento dunha tradición co paso do tempo.
Pola tarde houbo actividades para a cativada, cun obradoiro ofrecido polo artista local Marc Taeger. Tras isto, chegou a homenaxe a Manuel Barreiro e María Paredes. Ambos son persoas esenciais no día a día de Ermelo. Barreiro traballou durante anos na organización das festas e hoxe en día continúa a preocuparse por estas, así como por todo o relativo á aldea. No caso de María Paredes, rexenta o popular “Casa María”, mantendo o legado familiar e atraendo a numerosas persoas, que chegan a Ermelo para gozar da comida.
Tanto Barreiro como Paredes recibiron por parte do goberno local uns agasallos cunha fermosa ilustración de Ermelo, realizada polo artista local Josuha Xanbreo. Na homenaxe tamén interviñeron o alcalde, Félix Juncal e o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, que reivindicaron o traballo de ambos así como a importancia de manter a xornada festiva de Ermelo.
Tras isto, foi a quenda do grupo local Os Palleta Mollada, que interpretaron temas tradicionais, moitos deles de composición propia. Precisamente, tiveron tempo para reinterpretar un dos éxitos do Entroido, xa que moitos deles son integrantes da comparsa “Os do Pinsel”. O grupo Distrito 7 convidounos a subir ao seu escenario e tocar o tema “Got Talent”, que fai referencia, precisamente, ao paso da orquestra polas festas bueuesas.
O broche final chegou coa verbena de Distrito 7, que amenizou a noite para todos aqueles que pecharon o día en Ermelo. Hoxe o día continúa cos oficios relixiosos de Santa Ana.