InicioCULTURAGuadi Galego: "Costuras inspírase nas miñas cicatrices, nas miñas propias costuras da...

Guadi Galego: “Costuras inspírase nas miñas cicatrices, nas miñas propias costuras da vida “

Publicado o

Guadi Galego é unha das voces máis singulares do panorama musical galego, froito dunha andaina que comezou xa moi nova en Berrogüetto. En 2009 iniciou a súa carreira en solitario, sen deixar de reinventarse e sendo fiel a súa esencia. Este domingo, ás 22.00 horas, será a primeira vez que se suba a un escenario en Bueu, dentro do programa Musigal da Deputación e como peche da Semana da Cultura Mariñeira. Chegará para presentar o seu derradeiro disco, Costuras, unha viaxe musical desde a súa infancia ata o presente máis duro e esperanzador.

Como foi comezar a carreira en solitario despois de Berrogüetto?

Foi duro, pero fantástico e moi ilusionante. Con moito traballo, dedicación e de crer no que tiña que dicir. O proceso para min era máis importante que a finalidade. E así sigo pensando, son unha artista de fondo. Levo toda a miña vida traballando e facendo cancións para quen queira achegarse a elas, espero seguir exactamente igual.

O concerto deste domingo enmárcase dentro da xira do seu último álbum, Costuras. Cales son as costuras de Guadi Galego? En que se inspirou?

Costuras son dez panos, dez cancións, que fan un abrigo. Está inspirado tamén nas miñas propias cicatrices e nas miñas propias costuras da vida.

Como foi a súa evolución musical? En Costuras inclúe matices máis electrónicos.

É un camiño de evolución lóxica. Son curiosa e, aínda que me criei nunha banda acústica e a miña natural é a acústica, pareceume interesante meterme noutros sons. Hai moito orgánico tamén en Costuras.

O proceso de composición do disco coincidiu coa pandemia. Como o viviu?

Metade e metade. Ao final, cando ti te metes a facer música e empezas a compoñer, falo tamén por necesidade. Para min poder facer isto foi unha vía de escape na pandemia.

Algunha costura é máis especial ou é difícil escoller?

Case nunca me gusta escoller. A maioría da xente empeza sacando singles, pero os discos eu creo que teñen que ser equilibrados, onde todos os temas fagan o seu complemento.

Tamén inclúe un lado poético con versos de Antía Otero e Marina Oural. Como xurdiron estas colaboracións?

Eran bastante acaídos os dous temas. A Marina pedinlle un texto para poder facer un tema e parecíame que quedaba mellor sendo unha parte recitada. A Antía pedinlle un poema para meter nun tema meu e que o recitase porque tiña moito que ver coa simboloxía dos zocos.

“Son unha militante das linguas minoritarias, minorizadas e das linguas en xeral”

En 2019, con Immersion, recibiu o premio á promoción da realidade plurilingüe. Que supuxo este recoñecemento?

Son das que creo que toda a xente que che dá un premio é porque ten un recoñecemento para ti e sempre merece moito respecto. Neste caso, fíxome moita ilusión porque son unha militante da lingua e das linguas minoritarias, minorizadas e das linguas en xeral. Facer Immersion para min era algo que tiña na cabeza desde fai moito tempo, atopei a forma de facelo e se lle dan ese premio a ese traballo, ao que lle tiña tanta estima, faime moita ilusión.

Como vive este ano, de recuperación trala pandemia, desde o ámbito cultural?

Moi ben. Estou moi contenta, hai moitísimos concertos en todos os sitios e hai moita xente que ten moitas ganas de ir e saír. Nótase que hai máis vida.

Porque animaría á xente a atoparse coa súa música este domingo?

O noso concerto está construído na emoción de Costuras e doutros temas de traballos anteriores. O que vas a vivir alí creo que é, polo menos, emocionante. E se te remove algo, ben. Creo que temos un directo que paga a pena ver, entregámonos tanto que somos quen de trasladalo abaixo. Desexo que a xente de Bueu veña a vernos porque fainos moitísima ilusión estar aí.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...