InicioSOCIEDADEBueu concéntrase en repulsa das violencias machistas e demanda máis recursos

Bueu concéntrase en repulsa das violencias machistas e demanda máis recursos

Publicado o

A Praza Massó acolleu esta mañá unha concentración dun centenar de persoas con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas e na que se reivindicou a erradicación das violencias machistas e a loita pola igualdade. O acto formou parte das actividades organizadas polo Concello para conmemorar a data e estivo seguido dunha performance que conseguiu impresionar ás persoas asistentes.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, foi a encargada de dar lectura á declaración institucional e que se centrou na reclamación de máis fondos para os Centros de Información ás Mulleres (CIM), un dos primeiros recursos dos que dispoñen as mulleres nestes casos. “Arrastra carencias como a falta de cobertura ao longo do territorio ou a insuficiencia dos cadros de persoal“, indicou Otero, que tamén se referiu ás limitacións orzamentarias na achega da Xunta de Galicia e nas dificultades dos concellos para incrementar as súas propias.

Na declaración tamén se fixo mención a avances como o Pacto de Estado contra a violencia de xénero no 2017, o recoñecemento en Galicia da violencia vicaria como violencia machista ou ás accións para a conseguir unha igualdade efectiva e real. “A pesar de todos os esforzos sociais e legais, estamos asistindo a un retroceso evidente”, apunta o manifesto, que tamén se refire á necesidade de reivindicar a igualdade ou á revalidación do compromiso das administracións.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, durante a lectura da declaración.

Ademais de solicitar máis fondos para o CIM, outro dos acordos da declaración é promover accións globais consensuadas e o reforzo dos programas de prevención. Tamén se demanda o incremento dos recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero.

O acto rematou cun minuto de silencio polas mulleres asasinadas e contou coa presenza do rexedor e de edís da corporación. Tamén asistiron alumnas e alumnos do CPR Virxe Milagrosa, que portaron globos morados e pancartas nas que se podían ler diversas reivindicacións como “Non estás baixo o control de ninguén”.

Unha performance que impresionou ás persoas asistentes

Despois do acto, a actriz Uxía Morán interpretou a performance “A última cea”, coa que logrou transmitir e impresionar ás persoas asistentes pola súa dureza. Partindo da súa experiencia persoal, intentou achegar a través de elementos musicais e imaxes corporais a realidade que viven miles de mulleres dentro dos seus fogares.

Vestida de noiva, Morán, reflexionaba arredor da última cea o último baile, a última respiración, pasando por diversas fases como a do amor romántico. A propia Morán explicou que foi vítima de violencia de xénero. “Estiven oito anos e foi difícil saír, pero tiven o apoio psicolóxico e legal do persoal dun CIM e coñecín outras formas de entender as relacións”, confesou.

As actividades por mor do 25 de novembro continúan esta tarde coa proxección do filme “Unha moza prometedora”, en colaboración co Cineclub Bueu. Será ás 21.00 horas no Centro Social do Mar e con entrada de balde. Ademais, tamén continúan os obradoiros de igualdade nos centros educativos.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...