O Concello vén de presentar a programación polo Día Internacional Contra as Violencias Machistas, que terá lugar o vindeiro venres 25 de novembro e que estará moi centrada na sensibilización. Os actos, que comezaron o pasado sábado coa ópera “Papagena”, inclúen tamén unha concentración e declaración institucional, unha performance e a proxección dun filme.
A Praza Massó acollerá o 25 de novembro unha concentración en repulsa das violencias machistas ás 12.00 horas e na que tamén se lerá o manifesto institucional. Estará centrado na reclamación de máis fondos para os Centros de Información ás Mulleres, que constitúen o recurso primeiro que teñen moitas mulleres vítimas de violencias machistas.
Tras isto, ás 12.30 horas, terá lugar a performance “A última cea” e que no caso de chuvia se trasladará ao Centro Social do Mar. Na programación tamén colabora o Cineclub Bueu que proxectará o filme “Unha moza prometedora”. Será ás 21.00 horas no Centro Social do Mar con entrada de balde.
Ademais destes actos, a concellaría de Igualdade programou obradoiros nos centros educativos como en anteriores anos. “Cremos que é importante concienciar desde as idades máis temperás”, explica a concelleira da área, Ana Isabel Otero.