InicioECONOMÍAA Escola Náutica celebra medio século de formación marítimo-pesqueira

A Escola Náutica celebra medio século de formación marítimo-pesqueira

Publicado o

A Escola de Formación Marítimo-Pesqueira de Bueu, coñecida como a Náutica, celebrou esta mañá o seu cincuenta aniversario cun encontro cheo de emoción e no que se reivindicou a importancia do sector marítimo e da formación das persoas traballadoras. Foi nun acto no Centro Social do Mar que congregou a un gran número de ex alumnos e alumnas e persoal docente. Tamén participaron o actual director da escola, Miguel Álvarez; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, María Jesús Lorenzana; o alcalde da vila, Félix Juncal.

“Cincuenta anos formando o mar, o billete para ir sácase na Náutica”. Con estas verbas abriu o acto o actual director do centro, Miguel Álvarez. Cincuenta anos, tal e como explicou, nos que pola escola pasaron milleiros de persoas, convertendo ao centro bueués nun referente na formación deste sector. Cincuenta anos nos que tamén se crearon innumerables recordos para a sociedade bueuesa, fortemente vinculada ao mundo do mar.

O acutal director da Escola Náutica, Miguel Álvarez, foi o encargado de abrir o acto.

A igualdade no sector marítimo

O labor realizado pola escola durante estas cinco décadas ilustrouse co relato de tres antigas alumnas, Carmen Tenorio, Sonia Millos e Yolanda Abreu, e que tamén serviu para exemplificar a incorporación da muller ao mundo marítimo. As tres formáronse no centro bueués e cada unha delas tivo unha saída laboral diferente. “Soñei con ir ao mar e na Náutica tiven a oportunidade de facelo”, afirmou a primeira delas, que á vez destacou o funcionamento e a calidade das instalacións.

No caso de Sonia Millos, a pandemia paralizou o seu traballo como cantante e na Náutica atopou a formación, un total de dez cursos, que lle abriron as portas “ao que o mar brindaba”. Pola súa parte, Yolanda Abreu, actualmente docente en Salvaterra do Miño, explicou a importancia da reciclaxe profesional e das técnicas. “Os cursos son unha boa maneira para que as persoas do mar se formen para ter un traballo digno e satisfactorio“, concluíu.

Atraer a novas xeracións e apostar pola formación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou que a Náutica de Bueu naceu como escola para fillos de pescadores e hoxe en día cumpre as súas vodas de ouro con diversas titulacións impartidas. Neste sentido, lembrou que a instancias do centro bueués, foron dadas de alta no Catálogo dúas novas especialidades: inglés técnico marítimo nivel II e formación básica en protección marítima.

A Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante a súa intervención.

A conselleira puxo en valor as accións formativas que se imparten de xeito gratuíto e que se dirixen prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas. “O obxectivo é favorecer a reinserción laboral e asegurar a remuda xeracional nun sector tan importante para Galicia como é o do mar”, recalcou Lorenzana, quen cifrou en case 9.000 millóns de euros a súa aportación á economía galega. Tamén apuntou a que a Consellería leva destinados máis de 900.000 euros á escola de Bueu desde o 2009.

Así, Lorenzana avanzou que a Consellería que dirixe incrementará en 2023 o orzamento para formación cun 9,6% máis que no ano anterior e que a Consellería do Mar aumentará os fondos para a cualificación náutico-pesqueira, destinando dez millóns de euros para Galicia.

Público asistente ao acto no Centro Social do Mar.

Vinculación de Bueu co mar

O acto rematou coa intervención do alcalde da vila, Félix Juncal, que comezou lembrando o labor do antigo director da escola, Manuel Freire Lino, e que recibiu un emotivo aplauso. O rexedor quixo ilustrar nas súas palabras a estreita relación que mantén Bueu co sector marítimo. “O mar é o que nos dá a vida, alimento e prosperidade e a formación é moi importante para acceder a mellores postos de traballo”, apuntou.

O rexedor, Félix Juncal, que reivindicou a vinculación de Bueu co sector marítimo.

Juncal exemplificou esta ligazón co “esforzo de todas as persoas que traballaron e traballan no mar e os vestixios da nosa historia, lugares como o Museo Massó ou o Estaleiro de Purro”. O rexedor tamén fixo fincapé na importancia da incorporación das mulleres ao sector.

Ademais, nesta cita tamén estiveron presentes diversos membros da corporación local e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Arte para celebrar o aniversario

O aniversario rematou coa proxección dun vídeo na Escola Náutica que recollía algúns dos momentos máis especiais destes cincuenta anos, así como imaxes de moitas das persoas que pasaron polo centro. A arte tamén estivo moi presente, pois a Asociación Cunchas e Flores elaborou unha alfombra floral na entrada do centro e que contaba con motivos relacionados coa formación marítima.

Así, tamén se colocou unha ilustración do bueués Luis Davila para recordar estas cinco décadas de traballo a prol da formación dun sector estreitamente ligado á sociedade bueuesa.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...