Informar, previr e concienciar sobre a diabetes. Eses son os obxectivos da mesa informativa que se organizou onte desde o centro de saúde da vila, en colaboración co Concello, e con motivo do Día Mundial da Diabetes. Na entrada do centro sanitario, os pacientes puideron resolver todas as súas dúbidas arredor desta enfermidade metabólica e crónica.
Como principal novidade, as persoas non diabéticas puideron coñecer a probabilidade que terían de ser diabéticos nos vindeiros dez anos. Tal e como explica Benito Durán, enfermeiro residente, fíxose a través do test Findrisc e no que participaron 31 persoas. Mediante oito preguntas sobre o estilo de vida do paciente, os antecedentes familiares ou os parámetros antropométricos, obtense unha puntuación que equivale ao porcentaxe de desenvolver diabetes nos próximos dez anos.
Agora, os datos serán analizados con fins educativos e quedarán rexistrados na unidade do docente do centro de saúde. Así, estarán dispoñibles por se nalgún momento se abre un estudo sobre a diabetes na vila.
A prevención, o mellor tratamento
Ademais de resolver dúbidas, a iniciativa centrouse na prevención e concienciación sobre o que é e o que supón esta enfermidade. Algunhas das recomendacións pasan por realizar exercicio físico, levar unha alimentación saudable e evitar o consumo de tabaco ou alcol.
No caso dos pacientes diabéticos, tal e como indican desde o centro sanitario, é preciso que realicen actividades de autocontrol do peso e dos pés así como da medición da glucosa en sangue. Esta mesa, na que estiveron presentes a médica residente Cátia e os enfermeiros residentes Pablo e Benito, enmárcase dentro do traballo das intervencións comunitarias.