Elena Estévez volverá ser a candidata do Partido Popular á Alcaldía da vila nas vindeiras eleccións municipais de maio. A decisión foi oficializada esta fin de semana, tras unha reunión coa xunta local do partido na que tamén participaron o presidente provincial, Luis López, a secretaria xeral, Luisa Piñeiro e o voceiro local de Cangas, José Enrique Sotelo.
Ante isto, Elena Estévez amosou o seu agradecemento aos militantes e afiliados de Bueu e á dirección provincial do partido. Recordou que foi tamén un día como aquel, fai catro anos, cando se fixo pública a súa decisión de volver á política municipal tras uns anos afastada. “Manteño exactamente os mesmos sentimentos de orgullo, compromiso e responsabilidade“, sinalou Estévez.
A popular apuntou a que “é momento de cambio” en Bueu. “Temos un goberno no que sobra improvisación e falta planificación e xestión. O meu obxectivo é levar de novo ao PP á Alcaldía. Temos experiencia e traballamos para conseguir a maioría absoluta que necesitamos”, remarcou.
Desde o Partido Popular incidiron en que nos comicios do 2019 “deron un paso importante” e duplicaron o número de concelleiros, pasando de tres a seis edís na corporación. Unha idea que compartiu tamén o presidente provincial, Luis López. “Os resultados de 2019 demostraron que Elena e o seu equipo foron os grandes protagonistas das eleccións municipais, dando un vara pau a quen tiña a maioría absoluta ata aquel momento. É a alternativa seria que necesita Bueu”, avanzou.
López tamén puxo en valor a experiencia en política da bueuesa. Estévez foi alcaldesa entre 2004 e 2007 e tras un período afastada do política, en 2019 regresou e encabezou a candidatura do PP por primeira vez. “É unha gran profesional e está facendo un gran traballo na oposición con propostas serias que provocaron que algúns dos proxectos que se están levando a cabo en Bueu sexa gracias a ela”, explicou o presidente provincial.
“Elena lidera un equipo unido que é un exemplo dentro e fóra deste concello”, concluíu López que pediu seguir na mesma liña para “conseguir en maio a confianza absoluta dos seus veciños”.