A Casa do Pobo de Beluso acolle este domingo unha homenaxe a Xosé Manuel Millán, poeta, profesor e alcalde moañés falecido fai dous anos. O acto, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu, terá lugar a partir das 18.30 horas e contará con intervencións institucionais así como a presentación do libro “Obra poética completa”.
O evento persegue recordar a figura do que fora alcalde de Moaña e que tivo unha gran vinculación coa parroquia de Beluso, pois foi o seu lugar de nacemento. Así, presentarase “Obra poética completa”, que recolle as creacións poéticas de Xosé Manuel Millán ao longo da súa vida e editada por Manuel Rei. Tamén intervirán o alcalde, Félix Juncal, e a deputada de Patrimonio Documental, María Ortega. A nota musical chegará con Xardín Desordenado, que musicará varios poemas de Millán.
Xosé Manuel Millán naceu en Beluso no 1964 e exerceu como profesor de lingua e literatura galega en Moaña. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, ten unha gran obra publicada con título como “Este é tempo de sal” ou “As palabras son espello”. Así mesmo, Millán tamén foi alcalde de Moaña polo BNG entre 2003 e 2011.