As obras serán no 2023 cun prazo de execución de seis meses
Trala aprobación no Consello da Xunta de Galicia de setembro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a confirmación do proxecto de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315 ao seu paso por Beluso.
Desde a Consellería de Infraestruturas indican que a previsión é licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre do ano, para a súa execución no 2023. O prazo para a realización dos traballos é de seis meses e o goberno galego destinará un investimento de 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios necesarios.
O obxectivo é a construción dunha beirarrúa de 600 metros pola marxe esquerda da estrada para conectar as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e Cabalo. Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con refuxios en ambos laterais da vía.
Os traballos incluirán a drenaxe e a modernización dos servizos nese treito así como a renovación da capa de rodaxe nas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado. Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva, que actualmente ten unha pendente moi vertical.
Desde a Xunta de Galicia afirman que esta nova actuación en Bueu dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e acondicionamento de espazos peonís no municipio.