Unha guitarra, unha voz, solidariedade, rock, compromiso e diversión. Así se pode definir a Volkov, un grupo de música bueués que vén de publicar o seu primeiro disco, Al otro lado. Un total de nove temas que alzan á voz fronte a diferentes inxustizas, á vez que pretenden facer un chamamento á solidariedade. Todo o diñeiro da venda dos discos (dispoñibles na Librería Miranda), irá destinado á Protectora de Animais do Morrazo. Pablo Seijas e Daniel Ferradáns, integrantes de Volkov, analizan os seus comezos para Xornal de Bueu.
Como xorde a idea de formar o grupo?
En principio non tiñamos a idea de formar un grupo. Todo comezou cando xuntamos algunhas letras que estaban gardadas, composicións musicais propias e decidimos darlle sentido a todo iso. Cando nos demos conta, xa tiñamos uns cantos temas feitos.
Canto tempo levades con este proxecto? Foi difícil poñelo en marcha?
Supoño que dende que demos vida ó noso primeiro tema, que foi ó comezo do confinamento. A partir de aí fomos traballando nun estilo que nos gusta e no que nos sentimos cómodos. O máis complexo de todo foi a composición e a gravación, xa que buscabamos un son con certa calidade, pero limitados aos medios caseiros e con pouca idea en procesos de gravación.
Por que escollestes o nome “Volkov”?
O nome xurdiu dunha historia dun libro de Julia Navarro, no que un grupo de persoas se reunían coa escusa de facer música e en realidade falar a escondidas sobre política e revolución. Volkov é o apelido dun dos personaxes que organizaba esas reunións. Pareceunos unha idea interesante que reflectía a dirección na que van os nosos temas e as cousas ás que queremos dar voz.
Como definiriades a vosa música? Que vos gustaría transmitir con ela?
Se tiveramos que definirnos nun estilo de música, diríamos que o que facemos é rock. Ás veces cun son más potente, outras veces máis tranquilo, pero sempre dentro dunha mesma liña. Intentamos transmitir a nosa desconformidade con certos aspectos da sociedade, a tendencia que ten a esquecer que somos humanos e que non estamos feitos para matarnos, someternos e odiarnos uns aos outros.
Como é o proceso para crear as letras? En que vos inspirades?
A nosa maneira habitual é escribir sobre unha composición musical propia e abordar un tema que se adapte ao que a propia música nos vai pedindo.
Vindes de publicar Al otro lado, o voso primeiro disco. Como está sendo a acollida?
A fin de contas non deixamos de ser un grupo novo e non nos coñece moita xente. Tendo en conta isto, a acollida é mellor do que podiamos esperar, tanto nas redes sociais como nas vendas do disco, polo que se interesou moita xente.
“A acollida é mellor do que podiamos esperar, tanto en redes sociais como nas vendas do disco”
A que fai referencia a ilustración da portada do disco? Cal é a súa interpretación?
A ilustración reflicte a fraxilidade e a inocencia dun neno xogando no medio dunha guerra. Unha mensaxe clara, sen volta de folla.
O voso tema Chaman por min está dedicado ás vítimas da homofobia. Por que credes que é importante dar visibilidade a estas realidades? A letra contén mensaxes como “Din que non teño dereito a me enamorar de quen quero”.
Cremos que é importante visibilizar este tema. Mentres non sexamos capaces de respectar a condición sexual de cada un, sendo algo básico, non imos conseguir avanzar como sociedade. Todos os días vemos noticias sobre agresións deste tipo que non deberían de existir no mundo de hoxe en día.
Noutros temas como Ramallah falades do conflito palestino, con versos como “es más fácil ver hacia otro lado que aceptar que vives engañado”. Pódese dicir que Volkov é un grupo comprometido a nivel social?
Conflitos como o palestino, seguen aumentando as cifras de mortos todos os días. Se dar voz a ese tipo de masacres nos converte nun grupo comprometido, pois diriamos que si.
Por que decidistes doar o importe dos discos á Protectora de Animais do Morrazo?
Despois de barallar varias opcións preferimos axudar a alguén de forma directa. A fin de contas, a xente que é voluntaria nas protectoras son a primeira liña na defensa animal. Necesitan axuda todos os días e a nosa pequena aportación pódelles ser de gran utilidade. Temos claro que todos os proxectos que levemos adiante terán sempre unha fin solidaria.
“Temos claro que todos os proxectos que levemos adiante terán sempre unha fin solidaria”
Que plans de futuro tedes? Gustaríavos facer un concerto na vila?
Seguir divertíndonos, disfrutar da música como principal obxectivo e intentar levar o grupo adiante con outros músicos para poder defender as cancións en directo. Claro que nos gustaría facer un concerto na vila. Unha vez teñamos a formación completa, a nosa idea é dar concertos alí onde queiran escoitarnos.