InicioCULTURAA arte contemporánea enche Bueu

A arte contemporánea enche Bueu

Publicado o

Os artistas Dominic Beattie e Thomas Apostolou realizaron dous murais urbanos na vila dentro dun proxecto comisariado por Elena Bangueses, veciña da vila e xestora cultural

Desde hai unhas semanas, a arte contemporánea e urbana aumentou a súa pegada na vila. Veciñanza e visitantes poden gozar deste tipo de arte na rúa grazas a dous novos murais realizados na Nave de Deportes Naúticos, en Pescadoira, e no Centro de Interpretación de Agrelo. Os autores foron os artistas internacionais Dominic Beattie e Thomas Apostolou, pero o xerme do proxecto pasa por Elena Bangueses, veciña da vila, historiadora da arte e xestora cultural. Ela foi a encargada da organización e coordinación do proxecto, coa colaboración do Concello de Bueu. Agora, dá conta de todos os detalles que levaron á creación dos murais.

Aínda que se trata de artistas internacionais, xa que Beattie é inglés e Apostolou grego, son residentes da vila, de maneira habitual ou temporal. “Decidiron que tiñan ganas de deixar unha pegada e facer algunha actuación de arte contemporánea abstracta en Bueu”, lembra Bangueses, que coñece aos dous artistas. Nunha das súas conversas xurdiu a idea de propoñer unha colaboración ao Concello. “Tanto Thomas como Dominic son dous creadores moi potentes e establecidos a nivel artístico”, explica. A comisaria púxose en contacto coa entidade e co edil Alberto Moital, dos que destaca o seu interese pola arte urbana.

Unha vez o proxecto contaba coa aprobación, o seguinte paso foi a elección dos lugares. “O Concello fixo unha proposta de localizacións e os artistas pensaron cales serían os lugares que máis lle inspiraban”, explica Elena Bangueses, á vez que revela que Dominic escolleu a Nave de Deportes Náuticos pola proximidade ao mar e as súas ondas. O inglés realizou unha ilusión óptica, inspirándose nas vidrieiras. “Escolleu o paredón sen aberturas pero cunha forma de ventá tapiada”, apunta a comisaria. O inglés empregou a técnica abstracta do patrón e realizou todo a man.

Pola súa parte, o grego Thomas Apostolou puxo o foco no Centro de Interpretación de Agrelo. “O edificio está restaurado dunha maneira fermosa e inspiroulle o frontón en branco”, aclara Bangueses. Na produción, Apostolou empregou o debuxo lineal, reaccionando á xeometría do edificio e tivo como resultado unha peza cun efecto visual tridimensional.

A importancia da arte nos espazos urbanos

A coordinadora desta actuación, Elena Bangueses, reflexiona sobre a relevancia de incluír a arte nos espazos urbanos. “Quedan para a vista de todos, sen tomar a decisión de entrar nun museo, simplemente paseando pola vila podes gozar indirectamente”, explica. Ela mesma comprobou o impacto positivo dos murais xa que son moitos os veciños e veciñas que se fan eco do proxecto. “Estas actuacións embelecen a vila e axudan a que desde os pobos tamén se actúe para darlle importancia ás creacións artísticas“, reflexiona a xestora cultural.

Bangueses, que actualmente traballa en proxectos como o Culturgal e para diferentes administracións a nivel galego e nacional, valora positivamente as actuacións do Concello en prol da arte urbana. “Teñen intención de continuidade e seguramente haberá máis artistas que queiran participar e hai moitas zonas que se poderían embelecer”, afirma.

Ela mesma ten interese en continuar facendo proxectos na vila. Precisamente, despois de dez anos no estranxeiro cunha exitosa carreira en institucións importantes, decidiu regresar a súa vila natal. Agora, valora o resultado e impacto deste primeiro proxecto en Bueu, onde a boa acollida por parte da veciñanza a anima a seguir nesta liña. “Foi moi positivo e emocionante, son proxectos pequenos con relevancia nivel artístico e persoal, hai que traballar desde o pequeno para poder difundir”, conclúe.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...