“Benvido ao meu pequeno espazo de creación”. Esta é a frase de presentación que se pode ler na canle de Youtube de Alex Pazos, un veciño bueués que leva cunha cámara na man desde ben pequeno. Agora, con 22 anos, Alex dedícase á gravación de vídeos de todo tipo, desde videoclips ata diferentes eventos. Pero o bueués quixo ir máis alá e creou a súa propia canle de Youtube, onde publica a sección “Matafanecas”, unha serie de vídeos do seu día a día cos que quere lograr o seu soño: vivir do seu propio contido. Nas súas imaxes, que non deixan indiferente a ninguén, tampouco falta o azul do mar nin o verde dos montes bueueses.
Como empezou o teu interese polas cámaras e o mundo audiovisual?
Comezou desde bastante cativo, o meu pai sempre tiña cámaras cando nós eramos pequenos. Sempre me interesou o feito de que un aparato puidera rexistrar cousas, chamábame moito a atención. Desde pequeno empecei gravando cunha cámara do meu pai cando aínda non podía ter unha propia, logo mesmo empece a gravar coa PSP. Pouco a pouco foi xurdindo esa paixón, dende ben pequeno.
Cando decidiches tomar en serio este camiño?
Agora mesmo dedícome a isto, son autónomo e fai tempo que vou gañando cartos facendo vídeos á xente. Xurdiu cando algún familiar dicíame de gravar unha comuñón do seu fillo, algún pai de facer fotos no aniversario dos seus fillos… Funme dando conta de que podía chegar a traballar para xente, se hai persoas que me están avisando, igual é porque podo ofrecer un servizo para a xente que o necesite, empresas ou particulares.
En novembro lanzaches unha nova sección na túa canle de Youtube, “Matafanecas”, que xa vai polo episodio 14 e na que narras diferentes aspectos do teu día a día. Como te lanzaches?
Esta serie de vídeos xurdiron porque dende ben pequeno sempre me gustaron os youtubers e sempre me chamou a atención o feito de contar a miña vida a través dun vídeo. Intentei facelo de varias maneiras, desde que son adolescente, pero nunca dunha maneira tan constante como agora. Pensei en facer unha serie de vídeos de surf para subir a Youtube, pero pouco a pouco foi cambiando e fago vídeos do día a día, un pouco de todo.
“Sinto que as visitas que teño son moi reais, teño un feedback moi bonito coa xente”
Xa contas con 1.000 subscritores e vídeos con case 2.000 visualizacións. Como valoras a resposta da xente?
Cando estás en internet, obviamente sempre buscas chegar ao máximo da xente, sobre todo cando é o teu soño, porque o meu soño é poder vivir do meu contido propio, desde pequeno. A resposta está moi ben, non teño como moita xente miles e miles de visitas, pero sinto que as que teño son moi reais. Teño un feedback moi bonito con xente de aquí e outra de fóra que me está empezando a coñecer. Estou moi agradecido.
A prinicpal rede social que empregas é Youtube. Foi difícil apostar por un formato máis longo en tempos de inmediatez con redes como TikTok?
Para min o contido que consumimos hoxe, en Instagram ou TikTok é moi curto, está en vertical e a min gústame o formato horizontal de cine. Gústame que os contidos audiovisuais vaian evolucionando, pero chega un punto no que custa moito poder transmitir algo nun vídeo de 15 segundos de Instagram. Youtube paréceme unha plataforma brutal, porque podes elixir a calidade de reprodución do vídeo, que en Instagram non se pode facer, non podes ver un vídeo en 4K. Aínda que Youtube non estea tan en auxe, como TikTok ou Twitch, a min a verdade gústame polas prestacións que ofrece en calidade.
“En Youtube podes elixir a calidade de reprodución e en Instagram non se pode facer”
Un dos apoios fundamentais neste camiño son os teus amigos, moitas veces protagonistas dos teus vídeos e aos que lle dedicaches o episodio 12. Que papel teñen eles?
Os meus amigos son as persoas que levan toda a vida vendo como gravo e son aos que lle ensino todos os vídeos antes de publicalos. Son os que me dan os puntos positivos e negativos. Ao nivel da miña irmá, que tamén desenvolve ese papel, os meus amigos son fundamentais para a primeira ollada dos vídeos. Se non fora por eles, non creo que puidera chegar a nada.
Como definirías o teu estilo?
Obviamente eu influencieime de xente, como todos, pero considero que o meu estilo aínda non o sei nin eu. Estou nunha procura, gústame moito traballar as cores e esinar, por exemplo, o mar ben azul como o bonito que é. Vou fluíndo e non sei ata que punto definilo, estou en proceso de atopalo.
Un dos vídeos que máis boa resposta teñen son os resumos que fas ao final do ano. Como xurdiu esta idea e como é este traballo de recompilación tan extenso?
Os meus vídeos favoritos son os de final ano. Saco as mellores imaxes de todo o que gravei. Estou todo o día coa cámara enriba e o último mes do ano ando na procura dunha canción para facer o vídeo xa que ten que transmitir moito. Teño que buscar unha canción que eu sinta moito e a partir de aí empezo a facer o vídeo que leva bastante traballo. Gústame moito porque pasan anos e logo miro os vídeos e consigo emocionarme igual.
Ademais de viaxes a diferentes lugares, unha parte esencial do teu contido transcorre en Bueu. Que espazos che gusta máis gravar?
Ademais dun pobo moi bonito, temos unha natureza brutal, unhas praias e uns montes nos que é moi fácil sacar bo contido. Gústame mostrar ese lado bonito que ten Bueu, tamén rincóns que aos que non se pode chegar tan facilmente. Gústame ensinar o meu pobo e sempre o fago orgulloso.
É complexo transmitir cos vídeos? Como te enfrontas a isto?
Cando edito quero sentir algo eu, para min o meu maior obxectivo é facer transmitir á xente. Se consigo que a unha persoa se lle poñan os pelos de punta cun vídeo, xa o conseguín ou se fago chorar a alguén, quero transmitir e que a xente sinta algo, que non mire un vídeo simplemente.
Que plans de futuro tes?
O meu maior soño é poder vivir do meu contido, ao que aspiro desde pequeno. Mentres tanto traballo para xente e en pouco tempo vou sacar unha empresa oficial. Estou rematando os logos e penso que o sacarei ao longo deste mes. Quero vivir cunha cámara enriba, sexa como sexa.