Enrique Balsera, coñecido como “o peregrino máis famoso de España”, xa anotou un novo destino na súa libreta: Bueu. Este cordobés, que leva seis anos camiñando, fixo parada hoxe na vila xunto ao seu inseparable compañeiro, o burro “Espíritu Santo”.
nA súa presenza polas rúas non deixou indiferente a ninguén e foron moitos os veciños e veciñas de todas as idades que se aproximaron a fotografalo. Porén, a historia de Enrique comezou moitos anos atrás, despois dun tráxico accidente no que quedou parapléxico. Ante a isto, o cordobés prometeu que se volvía a camiñar emprendería unha viaxe a pé. Logrouno. E hoxe, seis anos despois desa promesa con estímulo relixioso, segue camiñando e sumando destinos de todas as provincias do país. Sen ir máis lonxe, esta semana xa estivo en Pontevedra e Marín.
Nado en Peñarroya-Pueblonuevo, leva sempre con el unha libreta, onde apunta o nome de todos aqueles que se achegan a falar ou facerse unha fotografía con el. Tamén inclúe o nome do sitio onde se atopa. Agora, despois de pasar por Bueu, Balsera continúa a súa peregrinación ata Roma.