InicioPOLÍTICAFélix Juncal opta a ser o candidato do BNG nas eleccións municipais...

Félix Juncal opta a ser o candidato do BNG nas eleccións municipais de 2023

Publicado o

“Bueu no horizonte”. Este é o nome co que o BNG de Bueu presentou onte o seu proxecto de futuro. Diante desta frase, Félix Juncal encargouse de desvelar se optaría a encabezar esta nova etapa. Unha decisión que ninguén coñecía e que o propio Juncal anunciou onte en público tras días de reflexión e de incerteza. Fíxoo nun acto na praza Massó coa compaña da voceira nacional, Ana Pontón, e onde se congregaron preto de duascentas persoas.

Alí, Juncal revelou que optará a ser o candidato do BNG das vindeiras eleccións municipais. “Quero volver a ser candidato ás eleccións no 2023, quero ser protagonista dese novo impulso para Bueu que en principio non ten límite temporal”, descubriu xusto antes de recibir un aplauso das persoas asistentes. “Non vou renunciar por algo que me gusta, que me apaixona e que forma parte da miña vida, mentres o BNG e o pobo de Bueu queira seguirei ao fronte“, concluíu Juncal.

A convención comezou coa presentación por parte de Nerea Vidal, que fixo fincapé nos cambios da vila nos últimos anos e coa música do grupo local Os Palleta Mollada. Tras isto, a primeira en intervir foi Ana Pontón. “Nada se pode conseguir se non hai boa xente ao fronte das institucións e en Bueu tedes ás mellores e aos mellores”, comezou a voceira do BNG, que agradeceu a Juncal o seu labor e o do proxecto que encabeza e “que é de todas as veciñas e veciños de Bueu”.

Pontón tamén tivo verbas para falar da situación económica actual e da crise dos prezos para a que solicitou medidas por parte do goberno autonómico, como a suba do complemento autonómico das pensións non contributivas ou axudas para os gastos básicos. “Necesitamos un goberno da Xunta que non estea de brazos cruzados”, indicou Pontón.

Baixo o exemplo dos 15 anos de Juncal ao fronte do goberno municipal, a líder do BNG incidiu nas eleccións municipais do 2023. “Confío no seu papel cara o futuro e tamén en que se estenda unha rede de concellos do BNG para sentar as bases dun goberno presidido polo BNG en Galicia”, rematou Pontón.

15 anos de goberno

Unha “etapa de transformación” de Bueu que se pechará no 2023. Así definiu Juncal os quince anos de goberno municipal desde o 2007. “Mereceu a pena”, sinalou o actual alcalde antes de explicar o camiño dos derradeiros anos. Apuntou aos cambios que se viviron na vila, como a dotación dun tanatorio, do campo de fútbol, a casa da música, a escola infantil, o impulso do parque industrial e das políticas sociais, da programación cultural e deportiva estable e das axudas ao tecido cultural e deportivo.

“Somos capaces de apostar pola esencia dun pobo e de sentirse orgulloso do seu pasado”, indicou facendo referencia á rexeneración de Ermelo, a recuperación do estaleiro de Purro ou dos centros medioambientais de Agrelo e Udra. Tamén narrou a construción da piscina municipal e o traballo desenvolvido na área de urbanismo, co Plan Xeral de Ordenación Municipal. Por último, agradeceu o traballo dos concelleiros así como das persoas que xa non están.

Juncal puxo así a súa disposición e a do BNG para “seguir protagonizando o futuro” da vila. Para iso, indicou que nos próximos meses realizará un traballo de participación para definir o proxecto futuro, do que adiantou a importancia de áreas como o medio ambiente e mobilidade.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...