A tradicional Festa das Alfombras Florais de Bueu, considerada Festa de Interese Turístico de Galicia, regresou onte á vila amosando a súa resistencia á chuvia, que fixo acto de presenza en varias ocasións durante a madrugada. Pero a ilusión da veciñanza e das asociacións florais mantívose. Algúns botaron man de toldos e estruturas para protexer os tapices, mentres que outros apuraban as últimas horas da mañá para deixar listos os seus deseños.
Na rúa Eduardo Vincenti comezaba un percorrido no que afloraron unha gran variedade de tapices. A veciñanza puido atoparse alí con deseños como un gran e colorido mosaico con papiroflexia, a referencia ás bandeiras azuis da vila e ao seu pasado romano, un San Xudas Tadeo, un polbo ou un tapiz con retratos de Manuel Omil. Nesta mesma rúa tamén se situaba a alfombra da Asociación de Alfombras Corpus de Bueu, na que con todo detalle houbo representacións da cultura mariñeira da vila ou diversos motivos relixiosos.
Os tapices continuaban pola rúa Montero Ríos con deseños que aludían a motivos florais, a personaxes de ficción como Sonic e que tamén incluían aves exóticas como loros. Á altura da pista deportiva da Banda do Río, sobresaía unha alfombra na que se podía ler “Stop Covid” coa representación dun guante de boxeo pelexando contra un coronavirus. Unha reflexión compartida por moitas das persoas que onte pola tarde se acercaron a pasear pola vila.
En Pazos Fontenla o percorrido incluíu tapices con deseños florais e outros que facían referencia á vinculación mariñeira da vila ou que incluían referencias ao Camiño de Santiago, como a da ANPA Alborada do colexio Virxe Milagrosa. Destacaron as composicións feitas sobre a pedra dalgunhas das casas situadas nesta rúa, que incluían cunchas, flores ou areas de cores. Tamén foi nesta rúa onde se situou, á altura da Librería Miranda, a alfombra floral realizada pola ANPA do CEIP Plurilingüe Montemogos para celebrar o 50 aniversario do centro e que estivo custodiada por unha carpa ata a mañá de onte.
A implicación veciñal foi quen de manter, unha vez máis, esta tradición floral. A xornada rematou coa tradicional procesión de Corpus, que partiu da Igrexa de San Martiño ao remate da misa solemne que estaba prevista para ás 18.00 horas. A fin de festa chegou coa verbena a cargo da orquestra La Ola ADN. Durante a fin de semana tamén se puido gozar das diversas atraccións situadas nas Lagoas, e que como novidade, este ano frearon a música de 18.00 a 19.00 horas, en apoio ás persoas con necesidades especiais.