O Concello de Bueu organiza este mércores unha charla para informar sobre o Servizo de Atención Temperá que vén de poñer en marcha. O coloquio, que é aberto á cidadanía, terá lugar ás 19.00 horas no Centro Social do Mar.
O Servizo de Atención Temperá (SAT) está dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, así como a súa familia e contorna. A finalidade é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social cun conxunto de intervencións para facilitar a autonomía persoal.
O equipo SAT Bueu, que traballa nunha aula na rúa Santán, conta cun logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil.
As persoas interesadas en obter máis información poderán contactar co servizo no teléfono 623292191 ou no enderezo bueusat@gmail.com. Este programa finánciase no marco da Rede Galega de Atención Temperá, co apoio da Unión Europea. O Concello destaca que leva moitos anos implementando políticas sociais, para o apoio de todas as persoas.