O 6 de xaneiro de 1929 xurdía a máis de cinco mil quilómetros de Bueu a “Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos”, no número 74 de Roosevelt Street en Nova York. Unha sociedade creada por emigrantes bueueses e responsable, entre outras accións, do pagamento da construción da Casa do Pobo de Beluso. Ademais deste feito, as testemuñas recollidas na prensa da época permiten esbozar unha recompilación da súa pegada histórica.
A emigración galega de comezos do século XX está amplamente vencellada a América Latina, pero tamén existiu un fluxo relevante de galegos que se dirixían a cidades como Nova York, partindo de vilas entre as que se atopaba Bueu. A presenza galega ao outro lado do Atlántico trouxo consigo a creación de sociedades que perseguían mellorar a calidade de vida das súas localidades de orixe, con especial atención no ámbito educativo.
Baixo esta premisa, algúns bueueses residentes en Nova York fundaron o 6 de xaneiro de 1929 a “Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos”, unha das máis importantes no panorama galego e a única sobre a que se ten constancia na provincia de Pontevedra. Entre eles atoparíanse persoas como José Novas, Constantino Soliño ou Avelino Fiel. Aqueles veciños que tiveron que abandonar o seu lugar natal, e en moitos casos as súas familias e fillos, propuxéronse como obxectivo principal a mellora educativa de Bueu coa creación dunha escola.
Un dos primeiros rexistros desta sociedade atópase no xornal El Pueblo Gallego. O venres 13 de xuño de 1930 publicouse o seu manifesto, baixo o título “A los hijos de Bueu, Beluso y sus contornos”. Adolfo González, presidente da entidade naquel entón, firmou un escrito que permite recoller o seu legado case un século despois. Encabezado por un directo “Paisanos”, os creadores da Unión Cultural afondaron na importancia da educación e da cultura.
“Después de haber experimentado en nuestro cuerpo los rudos trabajos y en el espíritu los acres sinsabores que entre gentes extrañas la carencia de educación escolar ocasiona (…), vemos el fundamental problema educativo que aqueja a nuestra patria”, comezaba aquel texto. Ante esa necesidade educativa propuxéronse levantar escolas para preparar aos futuros emigrantes. Non só procuraban o contacto coas letras, senón tamén ofrecer coñecementos en idiomas ou en hixiene e o que denominaron como conducta moral.
Naquel primeiro manifesto eran conscientes da complexidade de levar a cabo o seu obxectivo e o consideraban “no más que una idea generosa”. Para logralo, propoñían o pagamento dunha pequena cota mensual para conseguir facer realidade a mellora educativa.
Coa experiencia da emigración na súa propia pel, querían evitar a futuros emigrantes as situacións polas que pasaron. “Conocemos ya la dura realidad y nos toca levantar nuestra voz hasta hacer oír nuestras advertencias, convertir nuestros sufrimientos en enseñanzas para aquellos compatriotas que en adelante se vean en la necesidad de tomar el camino de la emigración”, sinalaba o texto fundacional.
Ademais do desenvolvemento de actividades culturais, a Unión realizou doazóns a diferentes colectivos da vila. En 1931, El Ideal Gallego recolle a doazón de 2.000 pesetas ao Bueu F.C e ao Beluso Cultural F.C. Outras delas fixéronse coas viaxes que algúns socios da sociedade facían á vila.
Porén, o seu gran obxectivo continuaba a ser a construción da escola. En 1929, El Pueblo Gallego recolle a celebración dunha xunta ordinaria na que se tratou a adquisición dun terreo en Bueu para a construción dun edificio escolar cuxo mantemento sería a través da Unión. Este proxecto non prosperou e a “Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos” tivo que agardar ao seus últimos meses en funcionamento, xa en 1934, para frutificar o seu proxecto. Fixérono a través dunha importante doazón á Sociedade de Agricultores “El Progreso” de Beluso, que permitiu levantar o seu domicilio social, actualmente a Casa do Pobo da parroquia.
O propio Johan Carballeira, nun dos seus artigo de El Pueblo Gallego, fíxose eco desa colaboración coa inauguración da Casa do Pobo o 1 de abril de 1934. “Los gallegos emigrados en América contribuyeron eficazmente al logro de la obra”, sinalou no artigo. Para Carballeira, a colaboración entre ambas sociedades, así como a implicación veciñanza supuxo unha das máximas expresións do espírito de unión do pobo. Ese mesmo vínculo que orixinou a “Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos”.