Os máis de 135 anos de gastronomía do restaurante bueués A Centoleira suman un novo galardón. O Galicia Fórum Gastronómico, que se está a celebrar esta semana na Coruña, entregou esta tarde o Premio Picadillo ao restaurante. Foi na categoría de cociña, onde compartiu distinción con outros once restaurantes centenarios que perviven a día de hoxe en Galicia.
O obxectivo destes galardóns é recoñecer o traballo que os profesionais realizan en prol da gastronomía galega a través da súa traxectoria laboral. No caso de A Centoleira, que dirixe actualmente Xulio Estévez, a historia remóntase a finais do século XIX, coa apertura en 1884 por Vicenta Laiseca. Unha orixe vinculada á flota de pescadores da zona de Beluso, establecéndose nun antigo atador de redes.
Co paso das xeracións, o establecemento tamén mudou de usos como negocio de ultramarinos, casa de comidas, estanco ou hospedaxe. Foi en 1965 cando naceu o hotel-restaurante, baixo o nome “La Vizcaína“, comezando tamén a celebrar banquetes de vodas. Uns anos máis tarde viría o cambio de nome por “A Centoleira”, á vez que a restauración á carta e os banquetes familiares se converten na actividade principal.
A Centoleira segue hoxe na Praia de Beluso, fronte á beira do mar. Alí ábrense as portas dun restaurante centenario que segue conquistando aos amantes do marisco e da gastronomía.