A Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu comezou onte un obradoiro de terapia emocional, centrado na positividade e na canalización das emocións. A cita, que tivo lugar na Sala Amalia Domínguez Búa, contou coa participación de máis de quince mulleres así como coa presenza da deputada provincial de Cohesión Social, Olga García e o edil de Cultura, Xosé Leal.
Este curso enmárcase dentro do programa “Depo en marcha” da Deputación de Pontevedra, cuxo obxectivo é favorecer o envellecemento activo das persoas maiores coa participación en obradoiros temáticos.
Encontro de asociacións de mulleres
Nesta liña, esta fin de semana Bueu acollerá un encontro de asociacións de mulleres da provincia de Pontevedra e Ourense, organizado pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo). O evento persegue abrir camiños cara o cambio xeracional na loita asociativa pola igualdade de xénero.
As xornadas comezarán o venres cunha cea de confraternización no restaurante Posada Lapamán. O sábado está previsto unha xornada repleta de actividades que inclúe unha visita ao Museo Massó e o centro da vila e unha actividade de risoterapia na praia. Pola tarde, está programado un paseo en barco entre as bateas da ría de Pontevedra sobre o proceso do cultivo do mexillón.
Pola súa parte, o domingo desenvolveranse as actividades abertas ao público no Centro Social do Mar. Ás 11.00 horas haberá un coloquio sobre o cambio xeracional na loita pola igualdade, coa presenza de Pilar Otero, da Asociación de Mulleres da Ría de Pontevedra e Patricia López, en representación de Amei Vigo. Tras isto, presentarase o libro “Proteger es mi deber. El honor mi divisa” escrito por Milagros Domínguez e editado por Femupo.