O PSOE de Bueu reuniuse esta mañá no Centro Social do Mar para elixir e presentar a Camilo Macenlle como cabeza de lista para as eleccións municipais do ano que vén. Macenlle, de 64 anos de idade e vinculado ao partido desde os 24, recibiu o respaldo socialista nun acto no que tamén estivo presente o secretario xeral do PSOE en Pontevedra, David Regades e a deputada socialista Paloma Castro.
O acto comezou coas palabras do secretario xeral, David Regades, que felicitou a Camilo Macenlle pola decisión de presentarse á Alcaldía e asegurou estar convencido de que “con Camilo conseguiremos acadar a alcaldía para os veciños e veciñas de Bueu”. Regades destacou a empatía, capacidade de traballo e de facer equipos de Macenlle, arquitecto de profesión e que traballou en diversas empresas de construción.
Camilo Macenlle, visiblemente emocionado, tomou a palabra para explicar a súa decisión de presentarse á Alcaldía. “Ao principio da democracia, Bueu era un pobo fermoso cunha identidade de pobo mariñeiro que, alternando gobernos de PP e BNG, foise perdendo ata chegar a un pobo que non se sabe cara onde quere camiñar, agravándose coa improvisación do goberno actual”, sinalou. Tras isto, o candidato socialista adiantou que decidiu presentarse ante a súa preocupación polo futuro da xuventude “sen unha alternativa de traballo aquí”.
A continuación, Macenlle presentou dúas das ideas principais para a súa candidatura. Unha delas é a creación dunha adega para a promoción do viño Tinta Femia en Cela. “Hai unha oportunidade de recuperar esa tradición e de fomentar o traballo para o noso pobo”, avanzou. Na mesma liña, abriu a posibilidade de fomentar o contacto coas comunidades de montes e “crear unha fábrica de pellets para alimentar os servizos públicos municipais, como no caso da piscina”.
O socialista tamén falou da “necesidade de definir un turismo de calidade” e de “ter un pobo adecentado”. Nesta liña, pronunciouse sobre a oportunidade de poñer en valor os paseos da vila, como o de Agrelo ou a creación doutros paralelos aos ríos bueueses. “Estou convencido que imos conseguir a Alcaldía”, concluíu Macenlle.