A corporación municipal celebrou onte a sesión plenaria de outubro, onde se aprobou o segundo recoñecemento extraxudicial de créditos do ano, cun importe próximo aos 63.000 euros. O outro asunto que tivo luz verde foi unha moción, presentada polo grupo municipal do PP, para a mellora da rúa Don Juan Veiga Alfonso.
O recoñecemento extraxudicial, o primeiro punto que debateu o pleno, recollía dúas facturas da empresa que xestiona os servizos da Oficina de Xestión Tributaria durante o período entre o contrato anterior e o actual. “Estamos orgullosos de que en outubro se presente o segundo recoñecemento extraxudicial”, apuntou o edil de Facenda, Julio Villanueva, en alusión a que en anos anteriores se presentaron máis. Ademais, fixo fincapé a que as cantidades estaban orzamentadas.
Porén, as explicacións non convenceron á voceira do PP, Elena Estévez, que anunciou o voto en contra do seu grupo. “Entendo que hai que pagarlle á empresa, pero hai que ter en conta a tramitación e os informes desfavorables“, explicou. O voceiro do PSOE, José Vilas tamén aludiu a que “a tramitación non é ordenada, pero hai que pagar o traballo”.
Ante isto, o voceiro do BNG, Xosé Leal, aclarou que “as cousas se fan non como un quere, senón como se pode en termos administrativos“. Referiuse tamén á aprobación da Relación de Postos de Traballo “coa que estamos no camiño para que a administración funcione mellor”. Finalmente, a proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP votou en contra.
Mellora da rúa Don Juan Veiga
O segundo punto tratado na sesión plenaria foi a moción presentada polo PP para a mellora da rúa Don Juan Veiga Alfonso, que conecta a Rúa A Pedra coa PO-511, ao paso polo centro de saúde. Tal e como mencionou a voceira popular, a parte baixa da rúa presenta roturas e afundimentos do pavimento. “É unha zona de moito tránsito, pola proximidade a colexios e institutos”, indicou Estévez.
O voceiro do BNG, Xosé Leal, afirmou que “somos conscientes do estado do firme e xa se están remitindo informes á empresa polo problema xerado nunha arqueta”. No mesmo sentido pronunciouse o alcalde, Félix Juncal, que avanzou que a mellora da rúa Don Juan Veiga “terá que ser parella a apertura do vial que temos pendente como prolongación da rúa Johan Carballeira”.
No lado contrario, o voceiro de ACB, Julio Villanueva manifestou que a actuación “non é prioritaria” e criticou ao PP “por querer humanizar esa zona e estar en contra de facelo na Banda do Río”. Así, finalmente a moción saíu adiante cos votos a favor de PP, PSOE e BNG, e en contra de ACB.