2.375 quilómetros separan Bueu da praza de San Pedro do Vaticano. Porén, un grupo de veciños e veciñas da parroquia de San Martiño da vila demostrou, unha vez máis, que non existen fronteiras. Despois de percorrer diversos lugares de Italia, onte chegaron á Cidade do Vaticano, onde conseguiron facerlle chegar ao Papa Francisco unha figura de cerámica do faro da Illa de Ons.
O grupo da parroquia, co que tamén viaxou o párroco José López, asistiu onte á habitual Audiencia Papal dos mércores ás nove da mañá onde ten lugar unha serie de lecturas así como a bendición aos fieis. Ademais, tal e como sinala o párroco bueués, conseguiron facerlle chegar ao Papa Francisco, a máxima autoridade da Igrexa Católica, unha figura de cerámica que representa o faro da Illa de Ons. Tamén ondearon a bandeira bueuesa na praza, unha instantánea para o recordo.
A xornada de onte tamén estivo marcada polo recibimento de Antonio Pelayo, xornalista e correspondente de Antena 3 en Roma. Pelayo acumula unha traxectoria destacada e leva décadas cubrindo a información do Vaticano
A viaxe comezou o pasado venres e entre os lugares que visitaron antes do Vaticano atópanse Florencia, Venecia, Verona, Bérgamo, Milán e Roma. Unha excursión de sete días que remata mañá cun recordo inesquecible para os fieis bueueses.