A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organiza este venres e sábado a XI Limpeza Simultánea de Praias, que se desenvolve nun gran número de areais galegos. Este ano Bueu tamén participará na actividade coa limpeza das praias de Ancoradouro e Mourisca, na zona de Cabo Udra.
Tal e como indican desde a organización, a actividade bueuesa terá lugar mañá ás 17.00 horas e o punto de encontro serán as mesas situadas na área de Chan de Esqueiros, en Udra. A xornada comezará coa limpeza no areal de Ancoradouro, onde as persoas asistentes tamén participarán nunha mostra de microplásticos, na que se cribrará unha zona da area para obter a cantidade de microplásticos que se atopan. Tras isto, a limpeza trasladarase á praia de Mourisca, onde se prensará e separará o lixo recollido.
Desde ADEGA sinalan que o principal obxectivo é a concienciación e recordan que cada ano dez millóns de toneladas de lixo rematan nos océanos e unha gran cantidade procede dos fogares. As persoas interesadas na actividade de mañá poden solicitar máis información no enderezo rubenpitamentira@gmail.com.