A corporación municipal da vila aprobou onte por unanimidade de todos os grupos (BNG, ACB, PP e PSOE) dúas mocións presentadas polo grupo municipal do PP. A primeira delas versaba sobre a transferencia da competencia sobre xestión do dominio público marítimo-terrestre, mentres que a segunda facía referencia á ampliación, por parte do goberno central, do prazo para implantar a recollida de biorresiduos nos municipios de máis de 5.000 habitantes, como é o caso de Bueu.
Na primeira moción, o PP procura instar ao goberno central a levar a cabo a transferencia dascompetencias en materia de dominio público-terrestre á Xunta de Galicia. “Na franxa litoral están asentadas preto de 4.000 edificacións de 82 municipios e en Galicia, ademais, a transferencia de xestión permitiría rematar cos constantes ataques que está recibindo polo goberno central o complexo mar-industria galego” , indicouse na lectura do texto da moción.
amén se fixo fincapé na necesidade desta transferencia posto que os concellos son os que dispoñen dun maior grao de coñecemento da realidade así como do valor do seu patrimonio. Desde o BNG municipal, o voceiro Xosé Leal propuxo unha emenda ao texto para ampliar o seu contido e solicitando a convocatoria da comisión mixta de transferencias.Todos os grupos aceptaron esta cuestión e a moción aprobouse por unanimidade.
O mesmo sucedeu na moción presentada tamén polo PP municipal e que insta ao goberno central a ampliar o prazo para o establecemento da recollida separada de biorresiduos nos municipios de máis de 5.000 habitantes. A Lei 7/2022 de residuos establece que debe estar implantada antes do 30 de xuño deste ano, mentres que a moción promove que se siga a directiva europea e a Lei de Residuos de Galicia, que fixan a data límite en decembro de 2023.
Os populares explican na súa proposta que o prazo actual “é un período de tempo inasumible” xa que a lei entrou en vigor tan só fai dous meses. O voceiro do BNG, Xosé Leal, mostrou o apoio á moción. “Aínda que continuamos espallando o sistema de compostaxe, a recollida selectiva e as campañas de concienciación, non impide que teñamos que alertar ao goberno central das dificultades dos concellos para cumprir este prazo”, indicou.