InicioSOCIEDADEBueu rende homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo: "Sempre con nós...

Bueu rende homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo: “Sempre con nós aínda que sen vós”

Publicado o

O Peirao de Attilio, no paseo de Pescadoira, acolleu esta mañá unha emotiva homenaxe para reivindicar a memoria das vítimas do Villa de Pitanxo. As familias dos mariñeiros falecidos e o Concello organizaron un acto no que se descubriu unha placa co título “Sempre con nós aínda que sen vós” e na que se inclúe o nome dos falecidos nunha das maiores traxedias do sector marítimo dos últimos anos.

A voceira das familias, María José de Pazo, foi a primeira en intervir nun acto que contou coa presenza das familias, o alcalde, a corporación municipal, un gran número de veciñas e veciños e autoridades como a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba ou o xefe de Servizo de Salvamento Marítimo, Fernando Berride.

De Pazo reivindicou que “é necesario respectar a memoria dos falecidos” e recordou que “formaban un equipo, o que se manifesta na solidariedade que desde o primeiro momento une tamén a todas as familias para visibilizar o que aconteceu hai un ano”.

A voceira deu paso a Katia e Lorena Santomé, fillas de Fernando Santomé, o veciño de Bueu que ía a bordo do Villa de Pitanxo. Ambas compartiron palabras nun emotivo discurso no que agradeceron a todas as persoas. “Esta placa é o símbolo do noso recordo, coa que tamén agardamos que sexa unha loita pola xustiza e a verdade“, sinalaron.

Mentres integrantes da Banda de Música Artística de Bueu interpretaban “Lela” e “Negra sombra”, realizouse a descuberta da placa por parte do alcalde e da familia de Fernando Santóme. Tras isto, tivo lugar unha emotiva ofrenda floral na que os familiares expresaron o seu cariño polos seus seres queridos.

O acto rematou coas palabras do rexedor, Félix Juncal, que quixo poñer en valor o acto. “É un acto pequeno, pero importante e necesario, un momento para recordar pero tamén para o recordo”, explicou, á vez que animou ás familias a “seguir percorrendo o camiño da vida”. Juncal rematou a intervención coa lectura dun poema de Xosé Henrique Rivadulla Corcón.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...